Os libros de Oriana Méndez

A poeta Oriana Méndez (Vigo, 1984) visita NUMAX no marco do programa "Afinidades Electivas. Encontros literarios en Librarías" que promove a Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura, a través da Subdirección Xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas. Aproveitamos esta actividade para pedirlle un itinerario bibliográfico cos seus libros de cabeceira.
▶ Fragmentos dun diario no inferno, Antonin Artaud.
Esta peza breve, orixinal de 1929, constitúe, xunto con O Pesa-Nervios, o corazón híbrido da obra de Artaud. Un núcleo mixto e heterodoxo no que a adscrición a un só xénero non parece ser suficiente para caracterizar a súa produción considerada de prosa poética. “Nin o meu berro nin a miña febre me pertencen”, abre este texto de Artaud que reivindicamos xenuinamente poesía.
▶ m-Talá. Chus Pato (Euseino?, 2020)
Din as súas editoras: “a grande perturbadora da lingua e da historia, a xeóloga e a poeta futura. O universo contido nun libro: m-Talá”. Así é, quen soubo ler e perderse e amencer nun lugar distinto, sábeo. ”pregúntome se nesta frase caben todos os teixos da cidade libre de París, as miñas reflexións acerca da linguaxe -a palabra que pecha o edificio da Lingua é a mesma que se abre ao dominio do vento- foi entón posible cruzar…"
▶ O amante, Marguerite Duras (Faktoría K de Libros, 2020)
Texto universal que atravesa unha parte da historia de Francia e concreta a escritura dunha voz única que transita no noso interior coma un río entre os meandros, o Mekong ou o río do noso amor e da nosa infancia, sexa cal for. “Moi pronto na miña vida foi demasiado tarde. Aos dezaoito anos xa era demasiado tarde. Entre os dezaoito e os vinte e cinco anos o meu rostro emprendeu un camiño imprevisto. Aos dezaoito anos, envellecín.”
▶ Esta luz. Volumen I (1947-2004) e Esta Luz. Volumen II (1995, 2005-2019).
Antonio Gamoneda (Galaxia Gutenberg)
Todo o máis que se pode reflexionar sobre a poesía extraordinaria de Gamoneda está nos prólogos de Miguel Casado que introducen os dous volumes. Toda a extraordinaria voz dunha vida -a crueza da ollada espida, o tempo en vertixe e, integramente, esta luz- contense nos poemas de Antonio Gamoneda.
▶ Sombra do aire na herba. Luís Pimentel (Galaxia, 2015)
Se os poemas de Pimentel envolveron o corpo da lectora ou lector que se internase neles, non poderá abandonalos endexamais. Acompañan para sempre e pasan a ser trabe fundamental da estrutura. Non hai herdanza modernista semellante, non hai sombra como a de Pimentel.
▶ Intempériome. Xela Arias (Xerais, 2021)
O Día das Letras Galegas do ano 2021 foi un exercicio de memoria excepcional que recuperou e actualizou unha voz que se encontraba inxustamente pausada, en estado de latencia. En liberdade, Xela pensou e escribiu. Xenuína. É a mesma Xela Arias que pronunciou en Madrid Galicia, nación non recoñecida, que se reivindicou coma unha nena de barrio e vida proletaria, que se construíu a si mesma viguesa por escolla e que se escribiu tan negra, tamén, por elección. A ollada da poeta insubmisa, a cidade insubmisa. Celebramos.
▶ O manifesto comunista. Karl Marx (Xerais, 2015)
A súa perennidade é a do compás, que sempre marca o norte. Que a historia da humanidade é a historia da loita de clases.
Libraría NUMAX |