Esta herida llena de peces
A primeira novela de Lorena Salazar Masso trasládanos de forma inmersiva ao Chocó colombiano, no que se sitúa a historia dunha nai e un fillo que non comparten cor de pel, na súa viaxe en canoa polo caudaloso río Atrato.
“El Atrato une mercados y separa personas. El río lava la ropa, da de comer, sostiene niños, baña mujeres, esconde muertos. Cura los lamentos de los ancianos. El río no discrimina: bendice y ahoga”.
Este percorrido acúatico está inundado de compañeiras de viaxe, historias compartidas, cores, cheiros e emocións, entre elas o medo, que está presente en todo momento. Todas as personaxes miran o territorio de esguello, con incerteza e coa sospeita dunha ameaza, creando en quen le unha sensación de perigo constante.
Esta herida llena de peces esperta a curiosidade polas condicións sociais e económicas do espazo que se nos presenta: un territorio marcado pola explotación de minaría, pouco industrializado, cun clima moi húmido e cunha numerosa poboación afrocolombiana culturamente moi rica. Isto fai que a rexión e a súa complexidade sexa tan protagonista como a propia historia que se nos conta, co río como fío condutor dos recordos e dos acontecementos, xa que proporciona os recursos pero tamén é fonte de violencia. A cartografía que realiza Lorena Salazar, xunto co ritmo narrativo e unha linguaxe simple e inocente, sirve para falar sobre o territorio, a súa cultura e as súas mulleres. Unhas mulleres cheas de forza, que poñen os coidados no centro e que cantan para canalizar a dor, pois todos os alabaos, gualíes e cantos da tradición oral que se sinten na novela poden parecer sutís pero fan ferida.
Libraría NUMAX |