Club de lectura: Frankenstein, de Mary W. Shelley

O martes 29 de marzo tivo lugar a primeira sesión do Club de lectura Irmás Cartoné na Libraría NUMAX na que o grupo falou sobre a novela Frankenstein, o Prometeo moderno, de Mary W. Shelley, obra xerme da ciencia ficción. Nesta xuntanza o grupo tivo a sorte de contar coa presenza e visita de Samuel Solleiro, escritor e autor da versión ao galego que Irmás Cartoné recomendaron como primeira lectura da actividade e que editou Aira no ano 2019. Aquí vos deixamos un pequeno resumo das persoas coordinadoras do club, os editores Carlos Valdés e Celia Recarey.  A actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.

Nas primeiras intervencións, ademais de preguntarnos sobre Ernest, único supervivente da masacre dos Frankenstein a mans do monstro (foi descoido da autora ou reservouno para unha posible segunda parte?), fíxose patente deseguida a antipatía que espertara na maioría de nós o endeusado Victor. Encarnación da ambición desmedida, do afán megalomaníaco, ao tempo que incapaz, quizais por vontade propia, de contribuír a que todo o delirio chegue ao seu fin, este científico tolo avant la lettre mestura a irracionalidade máis desatada con coñecementos de «filosofía natural» que poderían situar a resurrección entre as posibilidades operativas da medicina.

A novela conta con tres partes ben diferenciadas: un inicio coa clásica estrutura de novela epistolar, con cartas do puño de Robert Walton a súa irmá, dentro das que, ademais dunha accidentada viaxe de exploración do Polo norte, se insire a narración de Victor, na que se engloba a autobiografía da criatura, no sentir común o personaxe máis humano da historia (con moito branco, moito negro, e moitas variacións de gris, claro). Sorprendeunos que ben funciona aínda ese procedemento de mise en abyme, como referiu unha compañeira, ou de matrioshkas (as típicas bonecas rusas), en que unha narración xeral abrangue outra de igual tema que inclúe, no seu interior, outra/s máis das mesmas características.

Entre as cuestións presentadas ao tradutor, destacaron as referidas aos tratamentos de cortesía no inglés da época e como trasladalos ao galego actual sen que perdesen a expresividade buscada por Mary Shelley. Tamén provocou curiosidade o que respecta ao nome propio do monstro, ou máis ben a súa falta. Os apelativos que, de boca do seu creador, recibe o infortunado e vingativo ser ("monstro", "demo", "diaño"…) non varían moito ao longo da historia no seu ton, sempre despectivo. Porén, Solleiro salientou a evolución do tratamento que a criatura dispensa a Victor, pasando do respectuoso «amo» ou «creador» do principio ao desprezativo «escravo» que lle dedica varias veces cara ao final.

O tradutor aclarounos ademais que o prefacio da primeira edición, escrito por Percy Bysshe Shelley, o marido de Mary, ocultaba destramente toda marca de xénero, de forma que Solleiro optou por empregar a primeira persoa do singular para manter tal neutralidade en galego. Parte das diferencias do texto entre a primeira edición (publicada anonimamente en Londres en 1818) e a segunda (xa co nome da autora, en París, 1821) deixan translucir a man de Percy, en especial nos fragmentos que se poden considerar de expresión máis romántica. Unha das formas de acabar coa escrita das mulleres que recolle Joanna Russ no seu libro inspirador deste club (Cómo acabar con la escritura de las mujeres, trad. Gloria Fortún, Barrett e Dos Bigotes, 2018) é promover a dúbida sobre a verdadeira autoría dunha obra. Expresións como «Non o escribiu ela» ou «Escribiuno ela, pero coa axuda do seu home, que é o verdadeiro escritor» de seguro foron comentarios frecuentes con esa segunda edición.

Moito debatemos sobre a responsabilidade de Victor ou do monstro en toda a catástrofe que acaece á familia do primeiro, así como houbo unanimidade canto a opinión de que non se pode xulgar unha obra de inicios do século XIX só con criterios actuais. Cunha posible interpretación psicanalítica da novela, na que Mary é o monstro e Victor é seu pai, o escritor utilitarista William Godwin, concluímos repasando as influencias exercidas pola vida e obra da autora. Respecto á pervivencia do mito, constatamos que o monstro se apropiou por dereito do nome do seu creador, e continuou o seu percorrido na literatura e no cine até hoxe.

No campo literario mencionáronse as novelas epistolares Las amistades peligrosas, de Pierre Choderlos de Laclos; Cartas a Lelo, de Xosé Neira Vilas, e La isla de los jacintos cortados, de Gonzalo Torrente Ballester. Ademais, as obras de Kazuo Ishiguro Non me deixes nunca, Los restos del día e Klara y el sol. Comentouse tamén a fértil influencia da novela no cine, desde a primeira versión sonora (1931), con Boris Karloff no papel do monstro, pasando por toda a franquía de encontros deste coa súa prometida compañeira (1935), cun fillo (1939), e até coa súa propia pantasma (1942). É precisamente nesa década de 1940 cando o personaxe entra de cheo na serie B. Hai infinidade de títulos, pero destacamos os que se mencionaron en NUMAX: a divertida parodia Young Frankenstein (1974), de Mel Brooks, e a versión máis recente, de Kenneth Branagh, de 1994. Máis relacionada coas vicisitudes da autora e a situación na que redactou a súa novela, tamén se falou de Remando al viento, dirixida por Gonzalo Suárez, de 1987.

E aínda falamos de moitas máis cousas (de asuntos de edición, de mitoloxía e o titán Prometeo, do golem de Praga, da variedade de estilos que conforman nunha novela como Frankenstein etc.), pero isto só é un resumo e non entra nel toda a riqueza de achegas que experimentamos.

A próxima sesión do club terá lugar o martes 26 de abril, e comentaremos a novela Kallocaína, da escritora sueca Karin M. Boye, da que recomendamos a tradución de Marta Dahlgren publicada pola editora compostelá Hugin e Munin. Novela aínda pouco coñecida (o porqué é outro dos que se poden atopar no devandito libro de Joanna Russ), foi publicada en 1940, vinte anos despois de Nós, de Evgenii Zamiatin; nove despois d'Un espléndido mundo novo, de Aldous Huxley, e nove antes de 1984, de George Orwell, as tres consideradas obras fundacionais dunha corrente da ciencia ficción en que o elemento sociopolítico cobra novo protagonismo. Hai quen di que a obra de Boye non é de menor calidade ca ningunha delas. Xa o veremos.

A actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.

 

Irmás Cartoné |