Las Varamillas

O pasado mes de febreiro a Confederación Española de Gremios y Asociacións de Librerías CEGAL concedíalle a Las Varamillas (Astronave) o premio ao Mellor Libro Infantil pola súa riqueza de contido e estética.

Coa escusa deste novo recoñecemento ao cómic de Camille Jourdy aproveitamos para deixar por aquí as razóns polas que tantas veces volo recomendamos. A súa protagonista, Jo, disponse a gozar dun estupendo día de picnic coa súa “nova familia” cando decide que mellor perderse no bosque seguindo a dúas criaturas raras que din querer volver a súa casa. A pulsión de seguilos fai que Jo viaxe á maneira de Alicia no país das marabillas e apareza nun mundo máxico do que non voltará sendo a mesma, a súa propia frustración momentánea será o punto de partida para esa viaxe de ensoño.


Dende a Libraría NUMAX cremos que parte do seu éxito radica en que lle pode gustar a diferentes tipos de públicos. A historia de Las Varamillas é unha historia divertida, de aventuras, que permite deixar voar a imaxinación, chea de cor e fantasía que a fai atractiva para público infantil e xuvenil. Pero, por outra parte, fala do autodescubrimento e ten ese toque de humor e tenrura para gustar tamén ás persoas adultas. É unha obra importante ademais por todos os valores cos que traballa: permite empatizar coa natureza humana e falar dos afectos (da importancia de sentirse querida/o) e tamén da importancia de ser parte do grupo e do poder unificador que teñen as relacións que nel se establecen. Deixando a mensaxe de que xuntos somos máis fortes. En resumo, Las Varamillas é unha historia á que volver sempre . Simplemente varamilloso!

Libraría NUMAX |