Os libros de música de María Villamarín

Unha lista con algúns dos libros favoritos dunha das nosas libreiras María Villamarín, na que se inclúen diferentes xéneros musicais (disco, hip-hop, cuplé) e que reflexionan sobre o propio funcionamento da industria, a composición e, entre os cales, poderemos atopar dende autobiografía, crítica cultural ou novela ilustrada.  

Cómo funciona la música

Reservoir Books
David Byrne

Este é un libro inspirador, apaixoado e divertido sobre o proceso de facer música e que pon de manifesto que todos os condicionantes culturais externos á propia creación modelan á súa vez a historia da música e a música en sí mesma. O creador David Byrne inclúe neste compendio de pequenos ensaios reflexións sobre a historia da tecnoloxía musical e discográfica, ademais de análises sobre o presente e o futuro da industria musical todo mesturado con partes autobiográficas sobre a súa experiencia como parte dos Talking Heads.
 

La música. Una historia subversiva

Turner
Ted Gioia

Coñecido polos seus libros e investigacións sobre a historia do jazz e do blues, Ted Gioia aborda neste ensaio a historia da música en xeral analizando como se relaciona cos acontecementos políticos e os condicionantes sociais de cada época. Tamén explora como nacen e morren os xéneros e como cambiou a nosa concepción da música a través do tempo, deixando claro que esta sempre xorde nas marxes da sociedade.
 

K-Punk II. Escritos reunidos e inéditos (Música y política)

Caja Negra
Mark Fisher

Neste segundo volume compilanse artículos de Mark Fisher relacionados coa música, a política, os libros e o activismo, en xeral, temáticas variadas que teñen como transfondo o que xa tratara en profundidade no seu ensaio Realismo capitalista, aplicando nas súas reflexións como inflúe o neoliberalismo e o capitalismo nos sucesos políticos e sociais sempre dende a lucidez e a mirada crítica.
 

Música de mierda

Blackie Books
Carl Wilson

Por que nos fai sentir ben odiar a Céline Dion? Que é o gusto? Neste ensaio, o crítico musical Carl Wilson fai unha investigación sobre o porque do éxito da artista canadiana e acaba escribindo un ensaio estético sobre o gusto musical. Wilson entende que o que nos gusta e disgusta di moito sobre nós mesmas, individualmente e como sociedade, ao mesmo tempo que fala do amor á musica, a capacidade desta para a emoción e do esnobismo da crítica musical. 
 

La historia secreta del disco

Caja negra
Peter Shapiro

O glamour entendido como un acto de rebeldía. Neste libro abórdase todos os aspectos que conformaron a música disco, fálase das súas orixes en relación co seu contexto social, político e económico e tamén do poder e a influencia que tivo no nacemento doutros xéneros musicais. Un libro a través do cal descubrir unha historia oculta, nacida a partir das culturas marxinais do movemento LGBTI, as persoas afroamericanas e as inmigrantes latinas e italianas, onde se estableceu unha nova idea de comunidade ao promover a integración racial, sexual e de clase na pista de baile. Poucos xéneros teñen unha historia coma esta!  
 

¡Ay, campaneras! Canciones para seguir adelante

Plan B
Lidia García

Das ondas do podcast ¡Ay, campaneras! ao papel: así é como nace este libro de Lidia García, investigadora predoutoral da Universidade de Murcia, onde desenvolve unha tese sobre a estética camp e a cultura popular española. ¡Ay campaneras! é un ensaio sobre a copla, o cuplé e a zarzuela dende un enfoque feminista, LGBTI e de clase, onde poderemos coñecer todas as historias que hai detrás de figuras como Lola Flores, Concha Piquer, Rocío Jurado ou Raquel Meller.

Ropa, música, chicos

Anagrama
Viv Albertine

Honesta e absorbente autobiografia de Viv Albertine, guitarrista de The Slits. Un libro no que ela mesma conta a súa militancia dentro do punk e a súa relación con algunhas das persoas máis importantes do movemento en Estados Unidos e Inglaterra (Sex Pistols, os Clash ou Sid Vicious). Estas relacións mésturanse en Ropa, música, chicos coa cara b das súas vivencias persoais, nas que fala de inseguridades ou do seu intento por ter fillos, e faino cunha honestidade e unha gran valentía, e tamén cunha desmitificación necesaria con respecto á arte en xeral e a música en concreto.
 

Hip Hop Family Tree

Flow Press
Ed Piskor

Todos os volumes desta saga de culto, gañadora do Premio Eisner, recollen o nacemento do hip-hop no Bronx de finais dos 70 e comezos dos 80. Esta novela gráfica realizada por Ed Piskor é unha crónica ilustrada na que caben retratos de rapeiros, DJs, artistas de grafitti lendarios e outras historias. Un traballo perfectamente documentado que recrea a atmósfera das noites na Nova York da época, e que inclúe ao final de cada tomo unha bibliografía, unha discografía e un índice onomástico a través do cal seguir sumerxíndote no xénero. 

María Villamarín |