Club de lectura: Parentesco, de Octavia E. Butler

Na penúltima sesión do Club de lectura NUMAX, o día 31 do pasado mes de maio, puxemos en común as nosas interpretacións da novela Parentesco, de Octavia E. Butler. Autora e obra consideradas fundacionais da corrente estética chamada afrofuturismo, a novela non convenceu a todas as participantes respecto á súa forma. O fío cronolóxico do argumento, descomposto por ese dispositivo dos saltos no tempo, alteraba a secuencia dos episodios dun xeito que convenceu só a unha parte das participantes. A actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.

Houbo acordo xeral no que se refire á descrición que fixo Butler do perverso funcionamento interno da sociedade ianqui da primeira metade do século XIX. Nesa estrutura socioeconómica de explotación da man de obra escrava, o poder e todas as súas demostracións irradiaban desde a mansión dos amos, pasando pola plantación, até as zonas públicas de tránsito (camiños e estradas), cuxo uso quedaba restrinxido aos escravos polo exercicio das patrullas. Aquí recoñecemos todas que a autora soubo transmitir todo isto dunha maneira moi vívida, borrando para sempre da mente de quen leu Parentesco a posibilidade de preguntarse «Pero por quen non escapaban?».

Esa cartografía da violencia, das mudables alianzas entre razas, das predicibles traizóns entre persoas en aparencia no mesmo estrato racial etc., producíronnos o desazo que, deducimos, a autora quixo transmitir. Muller racializada, Butler tivo a ousadía de sacar á luz as raíces dun aspecto da sociedade do seu tempo (o racismo) que daquela (a novela é de 1979) parecía superado. Os porqués desas viaxes de Dana, a protagonista, a un pasado tan doloroso, aínda sen vermos claro que os provocaba, empezaron a cobrar sentido.

No capítulo dos personaxes, un dos que nos pareceu máis complexo foi Rufus, o futuro antergo da protagonista. Neno que nun inicio semellaba inocente, vai desenvolvendo unha personalidade dura, pero verosímil, pois vimos a súa evolución como case inevitable pola influencia desa recalcitrante figura paterna, Tom Weylin, e a da caprichosa nai, contrapesos incontestables do leve intento educativo de Dana. Ela, porén, resultounos unha protagonista forte, pero pouco adaptable, que espertaba desconfianzas entre amos e escravos pola súa forma de comportarse, pola súa vestimenta e pola súa fala. Tampouco nos cativou Kevin, o seu home, que pasa por un calvario sen moito máis que rabuñaduras.

Entre os escravos da mansión, chamounos máis a atención a súa forma de relacionarse entre eles que ningún en concreto. A nós, véñennos máis á cabeza por pares: Sarah e Carrie, por exemplo, ou Alice e Isaac, Luke e Nigel etc. Fíxosenos evidente esa diferenza entre escravos da casa do amo e escravos da plantación, así como o inestable que era a condición de seren libres.

Mención á parte, polas moitas capas da súa relación e polo complicado grao familiar que comparten (devanceira e descendente), mereceunos a dupla Alice-Dana. Ademais, pola ameazante figura de Rufus, que as trata como partes escindidas dunha única muller, recorrendo sempre á violencia para tratar con ambas.

O labor de reconstrución da sórdida sociedade dese período histórico, que todas recoñecemos como gran valor da obra, levounos da man por todo un protocolo de relacións sociais limitadas polo criterio da raza e do poder. Polo peso que ten a historia nela, preguntámonos pola clasificación da obra como ciencia ficción. Que elemento «científico» ten Parentesco? Se a pensamos desde unha óptica tecnolóxica, a novela non tería cabida no xénero, pois esas viaxes ao pasado ocorren de xeito case máxico; pero que pasa coa parte histórica? É ciencia dabondo como para facer a atribución? Falamos desa interpretación da novela na que, nun contexto de relacións interraciais tan xerarquizadas, sexa o medo do neno branco o que leva á muller adulta negra ao pasado, e que é só o instinto de supervivencia da muller negra o que, en reacción ao perigo inminente que a súa vida corre no pasado, a devolve ao presente.

Chamounos a atención a estratexia que se empregou para trasladar o inglés vernáculo falado polos escravos do pasado, que non chegou a convencernos no club. Entendemos que non é tarefa fácil verter tamén esa riqueza idiomática arredor dun campo semántico (o do escravismo) que aquí, pensamos que por interese, está esquecido, aínda que non fose unha realidade afastada do noso entorno neses tempos, como se pode ler, por exemplo, en Azucre, de Bibiana Candia. Mencionáronse a adaptación de Parentesco á banda deseñada e as novelas, de xénero negro, Irène e Vestido de novia, as dúas de Pierre Lemaitre.

O martes 28 de xuño, ás 20.00, na que será a próxima e derradeira sesión desta primeira etapa do club de lectura NUMAX, debateremos sobre En el corazón del bosque, de Jean Hegland, novela que sitúa a ciencia ficción ante un cruzamento de camiños esencial: debe o xénero defender a perspectiva tecnolóxica expansionista que tanto deteriora a vida na Terra ou, dentro do espírito crítico que é un dos seus fundamentos, asumir unha posición que recolla alternativas de adaptación? Este título, que esperamos esteades desfrutando tanto coma nós, é un dos moitos que tratan de sacudir a perspectiva postapocalíptica, tan produtiva na literatura, da súa adicción ao metal corroído, ao fume negro do petróleo e á guerra. Porque incluso na peor da situacións podemos atopar esperanza, non si?

A actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.

 

Irmás Cartoné |