Club de lectura: En el corazón del bosque, de Jean Hegland

O pasado martes 5 de xullo tivo lugar o cuarto e derradeiro encontro, demorado pola covid, deste primeiro bloque do Club de Lectura NUMAX, dedicado a escritoras de ciencia ficción. Neste encontro compartironse impresións sobre a novela En el corazón del bosque, de Jean Hegland, editado por Errata Naturae. Unha obra en que un colapso indefinido pon ás súas dúas protagonistas, as irmás Nell e Eva, na difícil situación de aprender a vivir de novo. A autora fai uso do elemento distópico do fin da civilización para amosarnos o seu período de adaptación. A actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.

Entre as primeiras cousas que nos chamaron a atención do argumento estaba o estilo de vida escollido polos pais das protagonistas. Nesa vida afastada da sociedade, a varias ducias de quilómetros da poboación máis próxima, Nell e Eva non están escolarizadas e estudan na casa cos seus pais. Debatemos a situación legal do homeschooling, que aquí, ao parecer, nin é legal nin ilegal, así como os seus pros e contras. Nell e Eva medran sen socializar, aínda que a autora insiste na súa independencia persoal, resumida nunhas palabras que súa nai repite a miúdo: «Ti es dona de ti mesma», lema que influirá drasticamente nas súas vidas.

Especial interese mereceunos a cambiante relación entre as dúas irmás; tan diferentes canto ás súas personalidades, e incluso na relación cos seus corpos, é na adolescencia cando as cousas se complican para elas. No caso de Eva, ademais, ao ser a máis observada, pois é Nell quen nos narra todo, incidimos bastante no seu proceso curador tras da agresión sufrida. Xusto aquí atopamos tamén que comezaban ambas transformacións diverxentes nun principio que despois converxían na chegada á adultez.

Ese salto cualitativo que percibimos en Eva e Nell lévaas de sobrevivir na casa familiar das últimas conservas feitas a deixar atrás todo o que lles sobra e as mata (a casa, o ballet, os libros, as conservas, a esperanza no pasado, as súas identidades, a violencia...) para internarse no corazón do bosque, nesa nova vida baseada nos recursos que a natureza lles brinda.

Colapso, caos, enfermidade, violencia, carencia de abastecementos, maior presenza de armas... Todas estas características distópicas estaban presentes, pero concordamos en que figuraban no pano de fondo da novela, e normalmente afectaban á vida de Nell e Eva a modo de ecos afastados. Concretábanse quizais na desconfianza no outro, e este medo actúa na historia como mediador das relacións sociais, un indicio de que todo contacto humano alleo a elas é fonte de dano.

Falamos a maiores de como, nun momento determinado, a narración parece entrar no ámbito da fantasía ou da lenda. Segundo avanzabamos na lectura, afirmábanse os elementos simbólicos e o ambiente de estar entrando no ámbito da lenda, pero dun xeito diferente, como se a propia Nell estivese contándonos, por medio dun diario, o seu propio deviren mito.

A relación entre Eva e Nell captou gran parte da nosa atención, e conviñemos en que é diso do que trata esta historia, dos cambios de dúas persoas que, para sobrevivir, forman unha sororidade, unha pequena comunidade humana composta por dúas irmás-amantes-nais cun fillo. No cambio na percepción de ambas, paralelo ao incremento do simbólico, atopamos un dos grandes acertos da autora, cando a ameaza se transforma e deixa de ser os perigos do bosque (hedra velenosa, carrachas, xabaríns, osos...) para ser a agoireira pegada dun home preto da casa.

Gustounos a maneira en que as irmás descobren e poñen en práctica os saberes durmidos dos antigos habitantes da rexión. Chegamos á conclusión de que a civilización occidental deixaba de ser unha promesa de continuidade e se convertía nun intre dentro dunha normalidade espallada durante moito máis tempo: a da vida dos indíxenas americanos que poboaron os bosques do norte de California antes da chegada dos españois, en que os coñecementos pasaban dunha xeración a outra, e o que primaba era a capacidade de adaptación.

Esta foi, quizais, unha das sesións máis ricas en temas de conversa inspirados pola lectura, entre os que destacou o (des)coñecemento dos recursos naturais dos nosos lugares, e máis especificamente o das «herbas adventicias» (pareceunos mellor esta denominación que a máis frecuente de «malas herbas»). Todo ese coñecemento que Nell e Eva tiñan que adquirir por medio dun libro e probando, aquí aínda está vivo, desde as herbas de san Xoán, até a curación de verrugas co zume amarelo da celidonia. Outra cousa sería ter que matar un porco para alimentarnos, claro...

Debatemos sobre eses personaxes ausentes que son os indios americanos, retratados nesta novela na historia de Juana María, «a muller solitaria da illa de san Nicolás»; e como unha cousa sempre trae outra, lembramos a historia de Ishi, o derradeiro membro do pobo yahi, con quen traballou o antropólogo Alfred Kroeber, pai da escritora Ursula K. (Kroeber) Le Guin, aínda que ela non chegou a coñecelo.

Conversamos un pouco sobre o pesimista fondo ideolóxico da novela, esa impresión de que un cambio como o que sofre o mundo nesta historia só pode levar a unha fase de supervivencia individualizada na que calquera posibilidade de socialización constitúe unha ameaza, oposta a idearios máis colectivos, máis relacionados coas actitudes que fan de nós os seres sociais que somos, na liña de obras como Ecotopía, de Ernest Callenbach.

Foi inevitable que En el corazón del bosque nos lembrase outros títulos, como Fahrenheit 451, de Ray Bradbury, polo papel de Nell como narradora; A estrada, de Cormac McCarthy, precisamente por ese aspecto ideolóxico tan estadounidense e catastrofista. Deste último título pódese ver unha decente adaptación cinematográfica, ao igual que da novela de Hegland.

A actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.

 

Irmás Cartoné |