La encomienda

A narradora de La encomienda, a última novela de Margarita García Robayo, non quere recordar a súa infancia nalgún país do Caribe. Vive nun Bos Aires que podería ser calquera cidade, cunha rutina precaria, con plantas e con relacións que non conseguen medrar. Unha caixa que lle envía súa irmá consegue romper a súa fráxil rutina.

Margarita García Robayo disecciona os pequenos xestos do cotiá, das rutinas familiares, desa persoa na que nos convertemos só por non seguir sendo a que xa fomos. A protagonista de La encomienda (Anagrama, 2022) é unha personaxe desarraigada, con comportamentos fríos e sen empatía. Vive en Bos Aires, lonxe do seu país natal que describe nalgún punto do Caribe. Vive alí como podería vivir en calquera lugar con boa conexión wifi. Quere ser escritora, pero para iso ten que encadear traballos precarios como publicista. Gustaríalle ter plantas, pero non sabe coidalas. E coas relacións acontécelle máis do mesmo. Unha protagonista con todos os males do século XXI.

Describe o seu apartamento como "limpo e curado", evita decoralo para non delatar a súa orixe a través dun gusto "pueblerino". Nada que ver coa súa infancia "solta e agreste", co aroma a especias e con ese verán que non descansa. Do seu pasado, só mantén contacto con súa irmá, unha relación cordial chea de silencios.

Margarita García Robayo describe esa forma de supervivencia dun lazo familiar na que é preciso falar moito do tempo e calar o que se pensa.

Margarita García Robayo describe esa forma de supervivencia dun lazo familiar na que é preciso falar moito do tempo e calar o que se pensa. Un exemplo son as encomendas que lle envía a irmá -comida que chega podre, na maioría- e que a narradora non quere, pero non di nada. Esas concesións que hai que facer para que a familia siga sendo familia.

A novela desenvólvese arredor da última caixa que recibe, que fará que a rutina da protagonista comece a tremer. Ese é o punto do que parte Margarita García Robayo e, sobre o cal, converte o libro nun espazo inquietante. Unha gata que entra e sae ao seu antollo e que ninguén parece recordar. Animais mortos que aparecen na terraza. Relacións frías e tensas coas veciñas. E esa estraña sensación de non saber se o que acontece é verdade. Ao longo do relato vai emerxendo o pasado da protagonista de forma fragmentada, sen demasiada explicación, como se toda a novela fose o fluír da súa mente. Cunha escritura áxil, directa e concisa, La encomienda deixa unha sensación de terche transportado a un sitio incómodo no que custa respirar.

Olaia Tubío |