Club de lectura: Os seres queridos, de Berta Dávila

O pasado martes 6 setembro a Libraría MUMAX acolleu a primeira sesión do club de lectura Irmás Cartoné que, nesta segunda edición, xira arredor das maternidades e as relacións materno-filiais. Nesta ocasión comentamos a novela Os seres queridos (Xerais, 2022) e tivemos a sorte de poder falar dela coa propia autora Berta Dávila. A actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.

Esta primeira sesión arrincou a conversa con algunhas apreciacións da autora sobre a literatura do eu. Contounos que con esta novela, que pecha o ciclo iniciado con Carrusel e continuado por Illa Decepción, aspiraba a unha resignificación dos vínculos familiares. Trátase dunha obra narrada desde o fracaso, na que quixo deixar patente unha política do cotián, tema que plasmou ademais a través do peculiar estilo, espido, económico até na maneira de nomear os personaxes (a todas nos intrigaba «o neno»).

Ante as preguntas sobre a carga do elemento autobiográfico que hai na novela, Dávila deixou claro que en toda obra literaria sempre hai un xogo entre realidade e ficción, e mencionou a obra de Annie Ernaux e a novela-memoria Virtudes e misterios, de Xesús Fraga. No seu caso, n’Os seres queridos, foron elementos clave a autoparodia e a indagación arredor de varias cuestións definidas sobre o que conforma ese ríxido corsé social que é a maternidade. Con ela, reflectimos sobre o que hai que cumprir (como nais), o que non se di, incluso o que non se nombra ou non se pensa, temas todos eles considerados frívolos por un canon literario masculino que sempre impuxo a súa limitada visión e experiencia do mundo.

Fronte a esas fosilizadas narracións canónicas sobre a figura materna, a nosa autora preferiu a da muller que decide, e aquí, a voltas co aborto, varias de nós recoñecemos experimentarmos certo debate interno durante a lectura. Ao final concordamos coa autora no peso que aínda ten esa esixencia tácita de padecemento para o exercicio deste dereito, cuestión presente na novela.

Rematamos concordando en que tan establecido está o mito da nai, que aínda hoxe xorden mil novos moldes igual de nocivos (a nai ideal co seu bebé complemento, a nai instagram, a nai que mantén un físico envexable despois de parir…). Por fortuna, na literatura parece ir tomando máis presenza o real, con todas as súas durezas (como a depresión postparto ou o baby blues, que impregnan a novela), pero tamén coas ambigüidades da maternidade e a diversidade nas relacións humanas.

A próxima sesión do club terá lugar o martes 4 de outubro, ás 20.00. Esa tarde falaremos de Las abandonadoras, da xornalista Begoña Gómez Urzaiz, un ensaio sobre esta figura (a da nai que abandona a súa prole) que aparece como negativo da nai ideal ao longo da historia.

A actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.

 

Libraría NUMAX |