Club de lectura: Las abandonadoras, de Begoña Gómez Urzaiz

O martes 4 de outubro a Libraría MUMAX acolleu a segunda sesión do club de lectura Irmás Cartoné que se centrou en comentar o libro Las abandonadoras (Destino, 2022) de Berta Gómez Urzaiz. A actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.

Nesta ocasión comentamos Las abandonadoras, obra que, de entrada, e nisto coincidimos todas, non pareceu apaixonarnos. Xa fose polo estilo do ensaio, que nos resultou un pouco superficial, ou por como está estruturado o libro, con capítulos moi desiguais canto ao interese que suscitan, a primeira impresión xeral non foi moi positiva. Porén, os temas que foron desfilando na conversa, respecto aos que moitas tomamos posturas dialécticas irreconciliables, amosaron que o texto nos tocou fibras ben sensibles.

Dentro deste percorrido que estamos a facer de deconstrución da maternidade, non podía faltar a incómoda figura da nai que abandona as súas criaturas. Tras superar a evidencia de que nesta sociedade non se contempla da mesma forma o abandono do pai que o da nai (nunca se chamou abandonador a Jean-Jacques Rousseau, o autor do Emilio, ou a Don Draper, protagonista de Mad Men), entramos a fondo nas causas que levan a unha nai a abandonar á súa prole. Gómez Urzaiz escolleu a maioría dos seus exemplos dun xeito un tanto subxectivo, pois a gran maioría de abandonadoras do seu libro son mulleres relacionadas co exercicio das artes: desde a escritora Doris Lessing, pasando pola actriz Ingrid Bergman, até a cantante e compositora Joni Mitchell. En todos estes casos, entendemos, os coidados requiridos pola familia interferían cun desenvolvemento pleno das súas carreiras.

Outro aspecto sobre o que debatemos a fondo foi a oposición entre ser nai, cargando coa entrega absoluta esixida por toda a sociedade, fronte a definición dunha individualidade que pode querer algo máis ou algo diferente da vida. A condena de ser nai, sobre todo no pasado, era unha cadea perpetua da que a condenada tiña poucas posibilidades de librarse; e aquí mencionamos á Ana Karenina de Tolstoi e á Nora da Casa de bonecas de Ibsen.

«De quen son os fillos?» foi outro dos puntos máis controvertidos, pois discutimos sen avirnos sobre se pertencen á nai, á familia ou a toda a sociedade. O gran desacordo manifestouse arredor desta cuestión, e tivo que ver co vínculo entre a nai e o fillo. Algunhas de nós defendían que existe un vencello natural intanxible entre a proxenitora e a súa descendencia, observable en todos os animais mamíferos, mentres outras sostiñan que esa relación é algo creado, como calquera outra creada entre dúas persoas, non pertencente a unha categoría esencial universal.

A estas alturas do debate, pasamos á seguinte cuestión que avivou o noso interese, que foi a introdución do capítulo dedicado ás nais traballadoras que teñen que migrar e abandonar á prole para poder sacala adiante. A maneira de tratar o tema non nos encantou, pois a opinión xeral era que neste caso as traballadoras migrantes non o fan por un motivo persoal, senón que o abandono se converte no paso lóxico dentro dese exercicio da maternidade. Podemos ver como unha ampliación extrema dos coidados o caso das nais que se afastan da súa prole para poder mantela, porque en moitos casos acaban traballando como provedoras de coidados doutras nais que, por traballo ou outras causas, non os poden proporcionar. Se comparamos este caso co devandito, fronte as nais abandonadoras para a súa realización persoal, estas nais están cumprindo o rol con abnegación por cuestións socioeconómicas, de clase etc.

Case no final da sesión quedáronnos varios ósos duros de roer (o debate entre natureza e crianza seguía aflorando, así como a pregunta «Onde entran os homes nesta ecuación?»), o maior deles quizais era a culpa asociada a todo o que escapa a esa caixa que é a maternidade concibida polo patriarcado, motivo polo que é preciso, concluímos, resignificar o nome de «abandonadora» como vía para unha necesaria exculpación. Nesta parte mencionáronse La mística de la feminidad, de Betty Friedan, Apegos feroces, de Vivian Gornick e Cuentos de madres e hijas, de Laura Freixas, e á escritora arxentina Alejandra Pizarnik. Resultou, en fin, unha sesión intensa, moi rica canto a temas e matices, na que un libro, que de partida parecía non suxerirnos tanto, sorprendentemente espertou en nós ideas e ganas de sa discusión.

Na próxima sesión, que será o martes 8 de novembro ás 20.00, falaremos de Nada se opone a la noche, da escritora francesa Delphine de Vigan, novela na que unha filla trata de reconstruír a vida da súa nai, algo que cremos que conecta cunhas palabras ditas ao remate da anterior sesión: «Hai que falar como fillas». Esperamos que esteades gozando coa lectura.

A actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.

 

Libraría NUMAX |