Club de lectura: O verán no que miña nai tivo os ollos verdes, de Tatiana Tîbuleac

A segunda parte do club de lectura de Irmás Cartoné e NUMAX chegou á súa fin! O pasado 13 de decembro o grupo volveuse reunir para falar sobre a novela O verán que miña nai tivo os ollos verdes, de Tatiana Țîbuleac (editado por Rinoceronte). En xeral, pareceunos unha obra de estilo accesible e con calidade literaria, pero dura na historia que narra, nos seus temas e no ton predominante, que todas interpretamos como irónico. Esta actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.

Outro aspecto que chamou a nosa atención foi a violencia case adolescente que desprendían as palabras dos seus personaxes, sobre todo Aleksy, o seu áspero narrador e protagonista. Cun peculiarísimo humor negro, fala da súa familia desestruturada, da enfermidade mental e da relación que ten coa súa nai, o verdadeiro centro da historia, unha relación que vimos cambiar, para algunhas a demasiada velocidade, do odio, pasando pola tolerancia até a adoración.

Resultounos interesante a filosofía vital de Aleksy, unha perspectiva da vida en negativo cuxos fitos son episodios dramáticos relacionados coa perda dos seres queridos, co maltrato a mans do pai e todo o relacionado con eles, á que el reacciona con furia. Foi inevitable ver, nese personaxe antisocial, un ser con capacidade de cambio e con espazo interior abondo para asumir como un ciclo esperanzador eses tres meses que pasa coa súa nai en Francia. Pese a toda a sordidez que marca a obra, concordamos en varios momentos de calidade case poética, puntos nos que a tensión emocional desbordaba as limitacións do protagonista.

Tamén percibimos como contraditorio o personaxe da nai, unha muller magoada pola vida, vítima de violencia machista e doutras vivencias moi desalentadoras, que non soubo ou non puido querer o seu fillo —ou polo menos, non dun xeito positivo para el—, pero que o busca cando entende que ela mesma xa non vai poder seguir adiante soa, cousa que a algunhas de nós nos pareceu un tanto egoísta talvez. Eses tres meses de regalo que lle fai ao seu fillo fan que este saia da súa parálise vital, é certo, pero vimos como despois Aleksy queda estancado de novo, quizais para toda a vida, nese verán. Poderiamos mencionar ademais a avoa, personaxe secundario pero coa presenza suficiente como para vela con toda a súa humanidade; a Pavel, pouco mencionado, pero a quen lle encontramos un peso importante na novela (sería el ou non?); a Sacha, o axudante de Aleksy na súa vida postverán; a Mika, a irmanciña de Aleksy; a Moira… De especial riqueza nos resultaron os personaxes femininos, complexos, non sempre doados, cheos de ambicións, amor, egoísmo etc.

A transición pola que pasa o personaxe de Aleksy dáse non só pola enfermidade da nai, senón tamén pola ausencia de rexeitamento social na vila onde están a pasar o verán, que máis adiante pasará de vila de vacacións a vivenda permanente. Unha vila sen nome, pero que a todas nos resultou ao tempo moi francesa e ideal como escenario para a novela, cuns habitantes por veces amables, por veces egoístas, pero desde logo mellores de aturar que os que se intúen no barrio londiniense onde vivía a familia.

Non nos puxemos de acordo, porén, en se a crueldade que parece cebarse en Aleksy e familia é demasiado ou é necesaria para que o artefacto que é O verán que miña nai tivo os ollos verdes funcione de principio a fin. Algunhas defenderon que non lle vían sentido a prolongar máis alá do remate do verán a mala fortuna do protagonista, outras víanlle unha motivación simplemente creativa: a autora escolleu unha historia francamente dura e uns personaxes espiñentos, polo que todo ese desenvolvemento era necesario.

Mentres falabamos sobre a novela da Țîbuleaclembramos outras obras, tanto cinematográficas, como Herida, de Louis Malle, Good bye, Lenin!, de Wolfgang Becker, ou Welcome to the Dollhouse, de Todd Solondz, como literarias, como as novelas ¿Qué vas a hacer con el resto de tu vida? e La gente no existe, ambas de Laura Ferrero, ademais de relacionar personaxes desta novela con algúns dos da novela-memoria de Delphine de Vigan.

Rematamos facendo unha leve panorámica sobre este ciclo do club de lectura, sobre as lecturas feitas, unhas máis apaixonantes que as outras, pero todas interesantes, no que quixemos pescudar na percepción de distintas vivencias da maternidade e da relación nai-fillos, e no que irromperon outros temas, como a enfermidade mental, a violencia machista, as figuras paternas decepcionantes…

Para nós este segundo bloque do club de lectura NUMAX foi moi enriquecedor grazas ás diversas achegas das participantes, todas dispostas a expoñer as súas ideas, a contrastalas coas das compañeiras, a afinalas e a defendelas, se fose o caso, con bos argumentos. O ambiente mantívose igual de respectuoso e amigable de principio a fin, sinal da boa vontade do grupo. Agradecémosvos que o fixésedes posible e desexámosvos moi Boas Festas! 

 A actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.

 

Libraría NUMAX |