«Lingua aberta»: conversa entre Nuria Vil e Pablo X. Suárez

Na primeira conversa da actividade «É un falar» titulada Lingua aberta, Nuria Vil e o asturiano Pablo X. Suárez comezaron falando da forma na que ambos traballan a súa poesía. 

A poeta galega comentou que traballa de memoria os textos construíndo os poemas por repetición na súa cabeza. Algo que queda moi lonxe dos seus inicios, cando deixaba máis espazo á improvisación, en eventos como nas "Poétiques Anfibies" do Festival Sacavera Sound, no que participou en 2019 e coñeceu a Pablo X. Suárez. O seu primeiro poemario, Simún, que vén de saír neste 2022, é o resultado de poñer en palabras escritas poemas que naceron dun "ruxe ruxe" oral.  Neste sentido, Nuria Vil fala de dificultades que nacen no proceso como o feito de esquecerse de poemas por tardar tempo en recitalos e tamén das problemáticas á hora de representar a gheada e o seseo.

Pablo X. Suárez fala da complexidade do proceso de pasar o poema falando á escrita no sentido de respetar os silencios, as pausas ou o estilo ao versificar, que se perden ás veces nas transcripcións. Gústalle moito pensar na resonancia das palabras mentres escribe os poemas e nas posibilidades que a oralidade lle dará no directo, da conexión que lle proporcionará co público oínte. Para el, dicir o poema en voz alta, achégate máis ao que é unha conversa normal, quitalle artificialidade. A súa forma de traballo parte cada vez máis da oralidade no sentido de levar ao poema historias orais, refráns, expresións da lingua cotiá ou da jerga asturiana. Neste sentido, Pablo falou da idea de que como poetas orais sempre van ser "a-normativos" pois escriben e comunican a súa poesía en linguas minorizadas (galego e asturianu) e tamén por non seguir ningunha normativa concreta (ortográfica ou linguística).

Por outro lado, dixo que a poesía oral moitas veces se lle achaca o ser poesía de circunstancias e se asocia á improvisación dun xeito negativo, se saber o traballo que hai detrás. Nuria falou de exemplos como o de Carlos Oroza ou Silvia Penas, persoas que escribían e escriben mentalmente os seus poemas e referíndose á cantidade de disciplinas que se tiñan en conta ao facelo: dende a musicalidade e o ritmo, ao traballo co corpo e o movemento. Outra das reflexións extraídas desta interesante conversa, foi a idea de que a oralidade ten que levarte ao tempo e ao espazo presente e ten que facer o poema perdurable, explica Pablo X. Suárez. Neste sentido, engade, a poesía e a lírica popular actualizase continuamente polos recursos que un utiliza mentres recita.

Esta conversa entre Nuria Vil e Pablo X. Suárez pode escoitarse en Instagram pinchado aquí.

«É un falar», actividade subvencionada pola Deputación da Coruña.

Libraría NUMAX |