«Escribir a voz»: conversa entre Uxue Alberdi e Susana Sánchez Aríns

“Las vidas son vidas cuando son nombradas y dichas, ahí reside la importancia de la memoria, en dar espacio a los nombres y a los hechos”, a escritora vasca Uxue Alberdi comezou a súa intervención da conversa É un falar, facendo referencia a esta cita extraída de Seique e comentando os tantos lazos e fíos que unen dúas das súas obras (La trastienda e Reverso. Testimonios de mujeres bertsolaris), coa novela de Susana Sanchez Aríns.

Ademais de engadir que “siempre se dice que la historia la escriben los vencedores pero no que también se desescribe”, facendo referencia a como habitamos os silencios e a violencia que sempre se exerceu cara as voces, os corpos e as historias propias.

Outras das costuras que unen as súas obras é o traballo de investigación e a reconstrucción das memorias. Ambas se reafirmaron no traballo previo de arqueoloxía que realizaron antes de escribir ás súas novelas. Uxue Alberdi fixo referencia a un ensaio de Clara Obligado titulado Una casa lejos de casa, no que dicía “a mi me salvó la estructura”, en referencia á súa importancia á hora de crear artefactos literarios que deixen chegar ao difícil do que se quere contar. Unha estructura como a de Seique permite preguntas: quen ten a licencia para contar? Onde comeza o dereito a contar e o dereito a non se contado? Se contas a vida de unha persona só pode ser a partir dos vínculos familiares? É posible contar a túa propia historia sen contar a historia das demais? Uxue Alberdi resaltou tamén todo o que lle evocou a novela de Susana Sánchez Aríns: a importancia da terra, os ritmos, a presenza do cancionero popular, os coros, que non haxa unha trama clara e que o libro non se deixe ler como unha novela ao uso, que faga traballar mentalmente á persoa lectora e que se busque na súa propia memoria familiar. 

Por outra parte, Susana Sánchez Aríns dixo que precisamente os dous libros enlazan polas estructuras e as distintas formas de representación das voces que narran. Cando ela chegou á última páxina de La trastienda preguntouse, que acaba de pasar aquí? Como é unha novela que se fía cunha conversa entre dúas mulleres, que tende á oralidade e ao espontáneo, parece que non existe esa estructura. Neste sentido, a narración oral e o tono de conversa dálle á historia solvencia. Tamén as voces das mulleres que contan a súa propia historia, que saltan dun tema a outro, recuperan recordos, anécdotas, as súas vivencias. No libro de Uxue Alberdi a súa voz como escritora desparece para cederlla ás protagonistas. Algo tan íntimo como universal, aínda que nunca esté presente na historia máis canónica, si está todo aí en forma de crónica: a historia socio-política dos últimos anos do Franquismo, a historia dos anos 80 e 90, a historia de Euskal Herria. Todo narrado a través de dúas voces non intelectualizadas.

Mentres que en Seique a narradora é a autora na busca doutras voces para reconstruir a memoria da súa familia e resonar noutros espazos e noutras historias familiares semellantes. Para escribir Seique, conta Susana Sánchez Aríns, leu moita literatura e ensaio para coller ideas pero nada lle serviu para contar a súa propia historia, sobre todo, porque lle faltaba a maneira de representar as dúbidas e os silencios.

Tamén se falou nesta conversa titulada «Escribir a voz» da importancia da escoita á hora de escribir ambos libros. Uxue Alberdi gravando as conversas coas protagonistas, volvendo a escoitar as voces unha e outra vez, para conservar esa oralidade e a naturalidade de quen conta as historias. E Susana Sánchez Aríns indo a facer as entrevistas con libreta e bolígrafo, tomando notas para así non romper esa intimidade do que a gente lle ía contar.

O total da conversa entre Uxue Alberdi e Susana Sánchez Aríns pode escoitarse en Instagram pinchado aquí.

«É un falar», actividade subvencionada pola Deputación da Coruña.

Libraría NUMAX |