O Caderno "Tac tac tac", nominado aos Premios Follas Novas
A publicación Tac Tac Tac vén de recibir a nominación aos Premios Follas Novas na categoría de Mellor iniciativa bibliográfica! Este caderno é o resultado da actividade literaria que comisariou o escritor Suso de Toro en 2017, na que se inclúen os textos mecanografados, fotografías e materiais que sairon daquela experiencia.
"Tac tac tac" é o resultado excepcional dun proxecto excepcional. En 2017 Suso de Toro implicou oito escritoras e escritores para escribiren un texto en NUMAX cunha vella Olivetti, unha máquina de escribir en desuso que atesoura canda si o sabor de todo un tempo. Eran Margarita Ledo, Manuel Rivas, Xabier P. DoCampo, Marina Mayoral, Susana Sánchez Aríns, Pedro Feijoo, Xabier Queipo e o propio Suso de Toro. "Tac Tac Tac", publicado por Xerais, é unha edición limitada, numerada e asinada que reproduce, aqueles textos mecanografados, fotografías, apuntes e outros materiais, para que, como di Suso de Toro no limiar, sintamos "a presenza das cousas, a aura do papel riscado á mantenta coa tinta".
Nestes días, o proxecto acaba de ser nominado aos Premios Follas Novas, organizados pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías, na cateogría de mellor iniciativa bibliográfica. Xunto a el, están nominados outros proxectos como a antoloxía Así fala Penélope de Chan da Pólvora Editora; o libro Chévere 1987-2022. Trinta e cinco anos de axitación cultural de Kalandraka Editora; a Colección Rúa do Lagarto de Euseino Editora; a Colección Seica de Xerais; a antoloxía Entre leiras e labores de Urutau e a colección Verdemar. Contos pola diversidade de Alvarellos Editora.
Libraría NUMAX |