Club de lectura: Nubosidad variable, de Carmen Martín Gaite

A primeira sesión desta nova temporada do club de lectura NUMAX, dedicámola á novela Nubosidad variable, de Carmen Martín Gaite (editada por Anagrama), obra que nos deu para bastante conversa. Ao fío da súa lectura, falamos sobre a complementariedade das personalidades das protagonistas, Sofía e Mariana —sensible e creativa ama de casa a primeira, e psiquiatra cerebral e lóxica a segunda—, que pese a levar ambas vidas ben consideradas no seu círculo social (o da burguesía madrileña), se senten fracasadas. Esta actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.

Incidimos moito en como persoas con existencias e intereses tan diferenciados, despois de perder a súa relación, atopan, por medio da escritura, unha vía de exploración persoal e conxunta, grazas á que revitalizan a súa amizade. Moi diferentes son as crises que lles afectan, pois Sofía, aínda que conta cos seus fillos, considera un fracaso abafante o seu matrimonio, mentres que Mariana, que centrou a súa vida toda no exercicio da psiquiatría, está perdendo até a ética profesional.

Comentamos tamén a intensidade da súa amizade, vínculo emocional que, conforme avanza a trama, se vai revelando como unha forza maior, máis capaz que o amor romántico de salvar e de acubillar a ambas as mulleres nas respectivas crises vitais que están a vivir. A opinión maioritaria no grupo foi a de que o propósito de Martín Gaite era precisamente falarnos de como a amizade pode chegar a significar moito máis nas nosas vidas que o amor, de como ese tipo de relacións entre iguais que xorden na infancia ou na primeira xuventude son máis capaces de sosternos na vida que os lazos románticos. Ou, como se di na novela, da importancia de ter a quen dicirlle: «¿Te acuerdas?».

Outros aspectos chamaron en especial a nosa atención, como o estilo da autora, os elementos polos que se indicaban diferentes períodos históricos (a década de 1960, cunha sociedade moi represiva para as mulleres que empeza a crebar co espírito da revolta estudantil; a década de 1980 coa relaxación de costumes da «Movida», e os inicios da de 1990, dominada pola «cultura del pelotazo» e a obsesión imperante polo enriquecemento rápido), así como a cuestión da clase social, elemento bastante presente na novela, marcado polas diferentes formas de falar dos personaxes, moi de Madrid, e as súas profesións.

Unha pregunta ben interesantes xurdiu no debate: serían capaces dous homes de ter unha amizade como a de Sofía e Mariana? En liñas xerais, foi unha sesión animada e que, como diciamos, nos deu para debater animadamente. Esperamos que a seguinte, na que falaremos da lectura de Tiempos de swing, da británica Zadie Smith, resulte igual de entretida.

 A actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.

Irmás Cartoné |