Club de lectura: Xente normal, de Sally Rooney

A terceira sesión do club de lectura NUMAX estivo dedicada á novela Xente normal, de Sally Rooney. En ambos grupos, que se reuniron na libraría nos días 23 e 30 de maio, houbo debates intesos sobre os distintos aspectos da novela e os temas que foron xurdindo ao fío dela tales como a fenda xeracional ou a violencia nas relacións sexuais. Esta actividade que conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.

No grupo 1 tivemos unha sesión ben animada, con debates bastante vehementes sobre os distintos aspectos da novela e os temas que foron xurdindo ao fío dela. O primeiro que puidemos constatar foi a existencia dunha certa fenda xeracional nas distintas maneiras de entendermos as personalidades e relacións dos protagonistas. E é que, onde as compoñentes máis novas do grupo vían unha relación tóxica entre dúas persoas bastante disfuncionais —Connell pola súa covardía, Marianne pola súa traumática vida familiar—, as que pasamos da corentena tendiamos a ver unha relación complexa, en ocasións mesmo dolorosa, pero en esencia fermosa, unha amizade profunda, chea de encontros e desencontros, en fin, dúas persoas cos seus defectos, traumas, feblezas e torpezas, mais que sempre acaban atopando a maneira de se ir salvando o un ao outro. Esta mesma fenda curiosamente deixouse ver tamén na maneira en que unhas e outras interpretamos a violencia nas prácticas sexuais de Marianne e Jamie: mentres que as máis «boomers» entendiamos que o feito de que Marianne lle permitise e mesmo lle pedise a Jamie que lle pegase durante as súas relacións sexuais era consecuencia dos traumas de Marianne, o sector máis xuvenil do grupo entendeu este feito como unha mera práctica recreativa que non necesariamente tiña por que deberse a nin indicar nada particularmente escuro.

No que si estivemos todas de acordo foi na certeza de que Marianne e Connell están, dalgún xeito, destinados a formar parte o un da vida do outro, aínda que como parella sexa imposible que funcionen. Concordamos tamén en que, aínda as que sentiron menos empatía polos protagonistas, gozamos da lectura, ou polo menos da conversa e as polémicas que nos deu a oportunidade de compartila.

Na sesión do grupo 2 as opinións foron máis uniformes, quizais por haber menos diferencia xeracional. Case todas, por exemplo, consideraron a novela unha obra propia de e dirixida a millenials, pouco verosímil e de personaxes non moi definidos, até un pouco tópicos, e chegouse a afirmar que o seu obxectivo era un público adolescente, malia estar de acordo todas en que algunhas cuestións que se tratan nela eran profundas e intensas. Incluso houbo quen non vía os temas transversais, verdadeiros protagonistas, que vertebran o argumento: o patriarcado e a diferencia de clase que arredan aos personaxes entre si cada vez que cuestionan a súa relación.

Concordamos en xeral nesa violencia, da que só vemos a parte exercida polo seu irmán, que fai unha vítima de Marianne, consciente pola súa intelixencia de estar afastada da normalidade, estado ao que Connell, que se sabe fóra del por cuestións socioeconómicas, aspira a chegar. É xusto nese punto onde situamos o seu rol como acompañante e facilitador da evolución de Marianne.

Porén, os aspectos que máis tempo ocuparon o debate no grupo 2 foron a relación entre amizade e amor (Que diferencia unha parella de amigos dunha parella amorosa? Pode existir amor sen sexo? E amizade con sexo? É a amizade amor ou non? Ten que haber posesión sempre que haxa sexo? E na amizade?), a pervivencia das actitudes machistas na sociedade e como caracterizan as posibles relacións humanas, limitándoas e encadrándoas en categorías estancas. Dentro desa tensión entre amizade, amor e desexo mencionáronse os filmes Dos cabalgan juntos, de John Ford, e Brokeback Mountain, de Ang Lee, así como Banshees of Innisherin, de Martin McDonagh, esta última máis concretamente por tratar os temas do fin da amizade entre homes e a proximidade entre amizade e posesión; canto ao papel masculino na perpetuación do patriarcado, a novela El aliado, de Iván Repila, e canto a novela que deixa pegada, Rebeldes, de Susan E. Hinton.

Na próxima sesión, última deste bloque dedicado á amizade, comentaremos Canciones de amor a quemarropa, de Nickolas Butler, novela que trata a relación de tres vellos amigos dunha vila de Wisconsin coa perspectiva que dá o paso do tempo.

Esta actividade que conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.

Irmás Cartoné |