Club de lectura: Canciones de amor a quemarropa, de Nickolas Butler

Resumo da última sesión do Club de Lectura NUMAX - Irmás Cartoné! Neste bloque temático dedicado á amizade cerramos a sesión comentando Canciones de amor a quemarropa, do estadounidense Nickolas Butler. A actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.

A novela fala sobre un grupo de catro amigos que viven en Little Wing, unha vila agrícola e gandeira de Wisconsin que non está pasando o seu mellor momento. Cada un dos protagonistas emprendeu un camiño diferente na vida, e o seu punto de encontro, en todos os sentidos, segue a ser a súa vila e unha amizade que vén de lonxe, da súa mocidade. Son precisamente as diferenzas vitais entre eles as que poñen máis a proba esa relación amistosa.

Desta volta houbo bastante disparidade de opinións, cousa que sempre é de agradecer. Para o grupo 1 foi quizais a novela que máis gustou do bloque polo seu xeito de tratar a amizade, tema central do libro, aínda que algunhas participantes —e nisto coincidiron no grupo 2— concordaron en que os personaxes delataban unha perspectiva moi patriarcal das relacións. Porén, no grupo 2 non superou Nubosidad variable, de Carmen Martín Gaite, obra coa que abrimos este bloque do club, aínda que houbo quen quedou encantada co libro, tanto pola historia que se narra nel como pola forma na que Butler retrata as tensións emocionais xeradas polo sentimento de pertenza (a un grupo e a un lugar), os xeitos de adaptarse aos cambios vitais (amor, traballo, parella, familia, éxito, fracaso etc.) e o cumprimento dos roles de xénero, e intentar manter ao mesmo tempo viva a amizade, polo menos sen mutilala máis do necesario.

Criticáronse bastante, en ambas quendas, os conformistas personaxes femininos, que non só parecen incapaces de saír do estereotipo, senón que incluso o perseguen, como fai moi en concreto Beth, que o autor emprega como axente da discordia entre os amigos do grupo, enfrontando a Henry e a Lee; tamén eses aspectos que asociamos deseguida co persistente ideal americano de agora e sempre: o culto á testosterona, a vinculación machista e a mitificación da amizade propia da adolescencia, ademais valorouse como mellorable a tradución, vaia por Deus! Pola outra banda, rescatáronse a lealdade, o orgullo polo lugar de nacemento (por moi degradado, feo e carente de futuro que sexa) e o sentimento de unión entre os protagonistas, que a súa maneira orbitan arredor de Little Wing, entre a atracción e a repulsa, pero manténdose xuntos dalgunha forma.

En xeral gustaron o estilo e a estrutura da novela, o feito de estar contada a través das voces de distintos personaxes, aínda que nos dous grupos se fixo a observación de que non sempre estaban ben diferenciadas, ou polo menos non tanto como as empregadas por Faulkner en moitas das súas obras (si, aquí tamén é verdadeira devoción o que hai por Faulkner), como se comentou no grupo 2. Considerouse unha novela coas súas luces e as súas sombras, pero en xeral amable, bastante entretida e que esperta ecos sobre todo cinematográficos (Beautiful Girls, de Ted Demme; The Straight Story ou Unha historia verdadeira, de David Lynch), televisivos (Doctor en Alaska e Friends) e musicais (For Emma, Forever Ago, de Bon Iver, que moito estamos revisitando esta temporada), aínda que tamén algúns literarios (El gran Gatsby, de Francis Scott Fitzgerald).

Foi moi interesante compartir lecturas e ideas nestas catro sesións, e queremos agradecer especialmente ás que fostes constantes na vosa participación. Esperamos coincidir convosco máis veces!

A actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.

 

Libraría NUMAX |