Club de lectura: Una bici, tú y la carretera
O primeiro libro deste segundo bloque do club de lectura NUMAX dedicado ás viaxes dedicámolo á banda deseñada con Una bici, tú y la carretera, de Eleanor Davis (Astiberri). Unha sinxela, máis caderno de viaxe que novela gráfica, na que nos mergullamos para falarmos de composición de páxina, da expresividade dos debuxos, simples e esquemáticos e tamén da secuencia de emocións que experimenta a protagonista ao percorrer máis de tres mil quilómetros en bicicleta. A actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.
No grupo 1, malia non sermos as máis de nós lectoras habituais de Banda Deseñada (BD), en xeral gozamos da lectura, que a todas nos pareceu unha boa maneira de comezar este bloque de outono-inverno do club. Gustounos ese carácter de diario feito ao ritmo da viaxe da autora e o xeito sinxelo e sintético en que, cuns poucos trazos, consegue transmitir non só o seu estado de ánimo e as ideas e sensacións que lle suscitan as paisaxes e persoas coas que vai batendo, senón tamén suxerir temas de bastante calado. Así, sen pouco máis que amosar a presenza das patrullas fronteirizas, a narradora consegue retratar toda a situación de tensión e conflito con respecto á inmigración irregular que se produce nas rexións que percorre durante boa parte da súa viaxe. E con só amosarnos a súa breve interacción cun axente desas patrullas é quen de plasmar o racismo implícito en todo o asunto: a consciencia de que ela non ten que temer a autoridade pola cor da súa pel abonda para sabermos, sen máis discurso, quen si ten que temer.
Esta cuestión dos medos durante a viaxe centrou gran parte da nosa conversa arredor do libro e deunos para moitas reflexións sobre os perigos específicos, reais e percibidos, de viaxarmos soas sendo mulleres: cantas de nós nos sentimos capaces de viaxar soas? De onde vén o medo a facelo das que o temos? É real e necesario ou é algo imposto?
Outro dos aspectos que comentamos foron os motivos da protagonista para emprender a viaxe que relata, esa busca da sanación da alma a través do esforzo do corpo e a evolución desa procura conforme progresa a viaxe, como a protagonista vai aprendendo a coidarse e a medir o esforzo durante o traxecto. Así, en xeral, concordamos en que o feito de que finalmente non complete o traxecto que se propuxera ao inicio non supón un fracaso, senón case ao contrario, un triunfo, pois implica unha evolución, unha maduración emocional da protagonista que consegue parar por fin cando o corpo llo pide. Porque, ao final, non temos por que chegar a ningún sitio, senón chegar enteiras.
No grupo 2 observamos que a normalidade da viaxe dunha muller en solitario non deixaba de estar marcada por supostos axentes do medo, que variaban (ilegais ou xabarís) segundo quen os utilizase para asustar á ciclista. Tamén nos chamou a atención a capacidade evocativa dos trazos monocromáticos, que podían suxerir distancia e paisaxe tanto como as cores (inexistentes sobre o papel) de toda unha serie de flores. Outras cuestións espertaron o noso interese ao fío da lectura, como a agoireira presenza da fronteira e os seus tecnoloxizados vixiantes, asumida cun desinterese rechamante por parte da protagonista; tamén falamos sobre o predominio absoluto de personaxes brancos, a sensación de despoboamento que impregnaba a historia (os Estados Unidos baleiros?) e mais a posible localización cronolóxica do episodio (Obama no poder ou xa Trump?). Vimos ademais que podía ter relación cunha longa serie de relatos de viaxe, desde a Odisea e a peregrinación de Egeria, pasando pola Viaje a la Alcarria de Cela, até a performance de Abramovic e Ulay. Concluímos que é unha leve historia de superación mediante a viaxe e máis ben anécdota que historia.
A actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.
Libraría NUMAX |