Club de lectura: Ninguén queda
Nas pasadas sesións do club de lectura NUMAX comentamos Ninguén queda, primeira novela do vilalbés Brais Lamela, obra en que asistimos á vida dun doutorando galego que fai unha viaxe de visita á súa terra desde Nova York. A novela é tamén unha inmersión nun episodio case esquecido da memoria recente do país, e toca cuestións como o desarraigamento e a súa profunda influencia nas relacións humanas. Esta actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.
Desta volta as opinións en ambos os grupos foron bastante similares. Ninguén queda gustou, incluso nas súas partes máis arriscadas, como cando o ensaio se apodera da narración e Lamela mestura xéneros. A súa proposta fíxonos dubidar se estabamos movéndonos polo ficticio ou polo real, se se trataba dunha novela ou dun ensaio novelado a medias, e moitas das participantes consultaron a existencia de Arneiro ou Ernes, así como a do Plan de Colonización da Terra Chá, incluso a do señor Tannenbaum. Ese pulso entre ficción e realidade intrigounos a moitas até o final da lectura, e recoñecemos de bo grado a habelencia do autor.
O outro protagonista da narración, pareceunos, son os espazos habitados, primeiro Nova York, a cidade estadounidense que tolera os emigrados, sen máis (aquí, por comparación, mencionamos Recuerdos del futuro, de Siri Hustvedt, e Historias de Nueva York, de Elizabeth Hardwick). Nela chamáronnos a atención a precariedade e o desconforto que aceptaban eses personaxes que se encontraban na rutina cidadá, nunha Nova York de apartamentos precarios, bibliotecas de fundacións e relacións persoais efémeras, onde a investigación do protagonista se vai transformando devagariño nun fondo requirimento de volta ao país natal, nunha pulsión insistente. Viamos que fronte á adaptación de Mariana, que parece dominar non só os códigos sociais senón os mecanismos de enraizamento necesarios, o protagonista simplemente sobrevive. Despois as dúas aldeas galegas, a cuadriculada Arneiro, construída na Terra Chá como experimento social para os emigrados forzosos pola suba das augas do Navia que provoca a construción do encoro de Salime, en Asturias, e a repoboada (informalmente) Ernes, onde o pasado esmorece entre os novos habitantes, que viven por encima da historia da aldea.
No caso desta novela, na que a viaxe está presente de xeito talvez menos evidente que na lectura da sesión anterior, as reflexións leváronnos por outros camiños, sobre todo polo da estratexia do autor de entretecer a redacción da tese do protagonista coa parte máis emocional da súa vida. Falamos un pouquiño sobre esas seis teses que vai debullando, o acertadas que nos pareceron. Moito comentamos tamén o cambio del entre a primeira e a segunda parte, ao pasar desa vida desganada nos Estados Unidos, case como sen querer, ao estoupido emocional que experimenta na segunda parte.
Algúns dos personaxes cativáronnos a case todas, e dicimos «case» porque foi precisamente unha das poucas críticas que se fixeron de Ninguén queda; houbo a quen non convenceron, en especial a historia de Leonita ou como estaba introducida na novela. Porén, á maioría encantounos a versión da viaxe que fai o pai (canta verdade nesa súa reflexión sobre o «moito que queda aínda do que había antes cando parece que non queda nada»), así como a persistencia do pasado na mente destruída de Leonita, e vimos claro como a auga o paralelismo que se establece entre a súa vida e a do narrador.
En fin, pareceunos unha obra moi sólida para ser un debut, e as conversas que foron xurdindo a raíz da súa lectura, sobre se a viaxe do protagonista era unha visita ou un retorno, sobre a verosimilitude e o finísimo fío que separa a novela da realidade, sobre como os que chegan nalgún momento a un sitio van cruzarse inevitablemente cos que están marchando (en ocasións aos poucos) etc., ameazaban con estenderse máis aló da hora de peche da libraría.
Como xa sabedes, na próxima sesión comentaremos El vestido blanco, de Nathalie Léger, obra que cobra especial relevancia nestes tempos tan tráxicos.
A actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.
Libraría NUMAX |