Club de lectura: El vestido blanco, de Nathalie Léger
Agora que se vai achegando a cuarta sesión do club é bo momento para lembrarmos o falado e vivido na terceira, en que lemos El vestido blanco, de Nathalie Léger (Sexto Piso). Desta volta, nas sesións de ambos os grupos houbo inicialmente certa división de opinións, pois, aínda que en xeral a todas nos parecía que a obra propoñía temas interesantes, non a todas nos convencía por igual o xeito de abordalos. Esta actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.
Porén, en parte do grupo, o libro causou verdadeiro entusiasmo e o intercambio de pareceres entre as menos convencidas e as entusiasmadas deu lugar a un debate animado e frutífero. A todas nos pareceu interesante o paralelismo que se vai tecendo no libro entre o vestido branco de Pippa Bacca e o vestido de noiva da nai da autora-narradora, aínda que para algunhas, como diciamos, talvez había certa descompensación na atención e no tratamento que se lles dá a eses dous elementos.
En calquera caso, todas atopamos interesante a evolución da autora-narradora que comeza o libro co propósito de escribir sobre a tráxica viaxe-performance de Pippa Bacca e se vai perdendo na busca de como entender e narrar esa historia ao tempo que se nega a narrar a de súa nai, que reclama con insistencia a súa atención e lle pide que lle preste a súa voz. Porén, varias de nós quedamos coa sensación de que as escollas estilísticas e estruturais da autora non poñían suficiente peso nesa evolución e que talvez ese diálogo entre os dous vestidos, as dúas historias, e a súa vinculación non acababa de ficar claro de todo ou de recibir o peso narrativo que merecía.
Onde si houbo unanimidade foi no suxestivas que nos resultaron as mencións a outras artistas do eido das artes plásticas e visuais, en ocasións descoñecidas para nós, aínda que por veces esas mencións nos botaban fóra da narración principal. Algunhas botamos en falta que o libro afondase máis en aspectos sobre os que se pasa un pouco por riba, e atopamos algo precipitado o momento en que finalmente a narradora lle dá voz á reclamación de xustiza da nai, esa historia que tan insignificante lle parecía ao inicio e, dándolle voz a ela, logra por fin contar o final de Pippa Bacca.
En calquera caso, malia a disparidade de criterios, ou talvez grazas a ela, a lectura do libro de Nathalie Léger conseguiu facernos reflexionar sobre temas diversos: desde as relacións entre nais e fillas até os distintos tipos de violencia que se exercen sobre as mulleres, pasando pola inxenuidade desa europea burguesa e privilexiada que quere confiar no mundo e acaba devorada por el…, e por enriba de todo, sobre o moito que nos presta confrontarmos as nosas lecturas coas das compañeiras, canto nos alimenta tratar de entender o que lemos a través das lecturas alleas.
Reflexionamos tamén sobre o porqué dese estilo incómodo e nalgún punto violento que emprega a autora, que desobedece as convencións do xénero ao que supostamente pertence este libro. Relacionamos a súa desobediencia, ese feito de ofrecernos un libro en que un personaxe (a nai) insiste en facerse cun protagonismo que en principio non lle corresponde, coa natureza da disciplina artística que trata a obra: a nai quere desenvolver a súa propia denuncia nunha performance e é ela quen está presente. Ademais, resultounos tan interesante como estarrecedor ese reflexo da viaxe inconclusa de Pippa Bacca, multiplicado infinitamente, por obra do seu asasino, en todos os vestidos de noiva de todas as vodas que teñen lugar a diario no mundo.
Nas interesantes conversas nacidas da incómoda lectura, falamos de psicanálise, das películas Tódalas mulleres que coñezo, de Xiana do Teixeiro, e La grande bellezza, de Paolo Sorrentino; das performances Rythmic Zero, de Marina Abramovic, e I Like America and America Likes Me, de Joseph Beuys; do teatro da crueldade de Antonin Artaud; de 4.48 Psychosis, de Sarah Kane; da banalidade do mal e Hannah Arendt, e do serial La Mesías.
Como se ve, tan frutífera foi a sesión dedicada a Nathalie Léger que desde o grupo 2 saíu a idea de rematar este bloque do club de lectura NUMAX cun encontro das participantes de ambos os grupos despois da última sesión (o martes 19 de decembro, ás 22.00) para tomar algo e intercambiar impresións. Dedicaremos ese último encontro do ano (o martes 12 para o grupo 1 e o martes 19 para o grupo 2) a comentar Cantos de sirena, as memorias da australiana Charmian Clift, un clásico da literatura de viaxes e do xénero autobiográfico.
Esta actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.
Libraría NUMAX |