Tu existe

Tu existe é un lugar de encontro, que se orixina dentro dun proxecto chamado O espello da memoria no trazo da palabra, entre a poeta Luz Pichel e a ilustradora María Puertas e xs veciñxs de Vilar de Bande na comarca da Baixa Limia. Poemas, textos e debuxos buscan penetrarse na memoria a partir dun diálogo aberto que nos conecta coa tradición oral e co saber popular. E nós non podemos deixar de abrazar este libro fermoso! Edita La Uña Rota e Crélimo.

«Falar é cousa linda. Hai faladeiros, faladoiros, falaropos, falaropo bico ghroso, bico fino, tricolor, etc. Hai falar polas orellas, polos cóbados, mal ou ben, a modo, ao xeitiño, hai falarlle a un mozo, deixar de falarlle a un mozo sen ningunha explicación, non se falar, ser falangueiro, falar falacias. Falansterios. Sempre hai algho que non se fixo ben, iso é así. Tamén podería haber falansterios. A xente ás veces pártese en dous e ás veces en dúas. Case ninguén é soamente un ou unha. Algho diso pasa cando dis aquí e despois eiquí e nin te das conta porque levas xa uns días en Vilar e váiseche peghando a musiquiña. A xente ás veces escoita unha musiquiña bonita de bailar e ás veces escoita quimeras ou aínda peor: falacias. Pero iso si, cantas máis linguas unha fala, máis xente lle cabe no falansterio da súa cabeza, que é algho que non ten todo o mundo. O mastín de Benito parecía tratable, falaba claro. Funme abeirando pouco a pouco e o can lambeume os pés».

__________

«cando se xuntan varias memorias pode pasar
algho bonito un estalo de luces
no aire algho así
coma nas festas
imaxino a feitura das vosas casas pero
a memoria é mentireira
a arte é mentireira
as novelas son mentireiras
non sei como se fan as comidas de festa nas vosas casas»

__________

«En Vilar, un saúdo é unha conversa que seguirá mañá porque o tempo non ten migha de apuro. Ninguén parece ir a ningures. Como é que se me fai todo tan coñecido sen ter estado antes aquí, eiquí? Vilar ten o mesmo número de sílabas ca Alén. Un dos primeiros contos que lle escoitei a Manolo de Benita ten que ver coa parsimonia. Cantas maneiras haberá de practicar a meditación, cachaza, carrúa, calma?»

Libraría NUMAX |