Club de lectura: Cantos de sirena, de Charmian Clift

No club Numax pechamos o 2023 coa lectura de Cantos de sirena, de Charmian Clift, libro que edita gatopardo, e que relata o primeiro ano de estancia da autora e a súa familia (composta por ela, o seu marido George, ambos escritores, e os seus dous fillos Martin e Shane) na illa grega de Kálimnos. A familia trasládase dende Londres para escribir un libro sobre a pesca de esponxas, que é o motor económico da illa. Charmian dá conta de todos os pequenos e grandes choques culturais que ela e a súa familia experimentan ao pasar da gran metrópole anglosaxoa á pequena illa mediterránea, e da súa paulatina descuberta das xentes e costumes do lugar. Esta actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.

En xeral, no grupo 1 desfrutamos coa crónica de Charmian, aínda que houbo debate entre quen detectamos certo ton condescendente, unha certa ollada de superioridade, e quen vía simple estrañeza ante a novidade por parte da narradora. Concordamos todas, porén, no interese dos feitos, hábitos, paisaxes e personaxes descritos, e na fascinación ante a dureza desa vida que xira arredor dos mergulladores que Clift narra detalladamente, cun estilo coidado cheo de pasaxes descritivas. E concordamos tamén en que, malia isto, a maioría de nós botamos en falta un relato máis íntimo da vida familiar, que a narración puxese máis o foco na evolución persoal de cada un dos membros desa familia foránea que se instala nunha cultura tan allea á deles.

A algunhas de nós, dada a información que por outros medios tiñamos sobre a vida familiar de Clift, resultábanos curioso que a autora non deixase entrever no que, no fin de contas, é un libro autobiográfico, os conflitos maritais ou os problemas co alcohol que presidiron gran parte da súa vida (e, sen dúbida, durante a época que se describe en Cantos de sirena). E foi curioso contrastar o xeito en que coñecermos certos datos (como as tráxicas mortes de case todos os membros da familia, ou as infidelidades mutuas entre Charmian e George) condicionou a nosa lectura, como algunhas comezamos a ler de distinto xeito o texto unha vez tivemos eses datos e como o leron quen non os tiveron até rematada a lectura.

No grupo 2 as conclusións foron máis ou menos as mesmas, se ben debatemos máis sobre ese xeito, confiado e un tanto arrogante, de habitar terras alleas por parte dos habitantes das metrópoles, cunha mestura de condescendencia e envexa pola forza vital de quen non foron tocados polo tedio da gran cidade. Tamén sobre a forma que ten a autora de retratar os habitantes da illa, os mergulladores e as súas mulleres, case como heroes da traxedia grega clásica, pese a sobrevivir nunhas condicións materiais moi precarias e estar cativos dos ritmos implacables de Kálimnos: unha época de actividade frenética e perigosa para aforrar, outra na que vivir facendo uso deses aforros.

Falamos tamén deses moitos viaxeiros anglosaxóns que pasearon polo Mediterráneo e o poboaron, desde o lord Byron que deixou pegada do seu paso polo cabo Sounión, en 1810, cun graffitti rañado ao estilo máis túzaro na pedra do templo de Poseidón, pasando por Robert Graves, quen entre 1929 e 1936 viviu coa poeta Laura Riding en Deyá, Mallorca, ou todo ese torrente de escritores e músicos que se espallaron polo Magreb a finais da década de 1950 (Paul e Jane Bowles, William S. Burroughs, Frank Zappa, os Rolling Stones…), e chegamos á conclusión de que posiblemente foi a nostalxia imperialista o motivo tras este tipo de migracións.

A través deste bloque dedicado ás viaxes, pasamos pola viaxe de autodescubrimento de Una bici, tú y la carretera, a viaxe de retorno ao fogar de Ninguén queda, a peregrinación traxicamente frustrada de El vestido branco, e esta última, Cantos de sirena, que poderiamos definir como fuxida da metrópole motivada pola nostalxia dun lugar auténtico (nostalxia imperialista, en fin). En breve anunciaremos o seguinte bloque do club de lectura NUMAX. Estean atentas!

Esta actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.


Libraría NUMAX |