Club de lectura: Caderno dun regreso á terra natal, de Aimé Césaire
Os pasados 20 e 27 de febreiro tiveron lugar as primeiras sesións do club de lectura NUMAX - Irmás Cartoné, nesta ocasión, dedicadas a lecturas que se centran en obras literarias poscoloniais. A primeira a comentar foi o poemario Caderno dun regreso á terra natal, do escritor e político martiniqués Aimé Césaire (1913–2008). Esta actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.
En xeral, no grupo 1 impresionou a complexidade dun texto poético cheo de metáforas, imaxes potentes e referencias históricas e políticas que nos fala decolonialismo, racismo, xustiza e rebelión nun estilo influído polo surrealismo. Esta complexidade da obra, se ben dificultaba nalgúns casos captar todas as alusións implícitas nela, non evitou que, en xeral, o grupo apreciase a gran calidade literaria e a beleza do texto. Por iso mesmo, algunhas lectoras botamos en falta que a edición galega (a que lemos a maioría) nos ofrecese algunha nota explicativa, para que o gozo estético se vise facilitado por unha comprensión máis completa do texto e o seu contexto e subtexto. No grupo 2 concordamos na dificultade inicial ao lermos xéneros aos que non estamos habituadas, o poético máis en concreto, ao que lle atribuímos códigos menos accesibles que os da narrativa. Son quizais esas opinións preconcibidas as que nos afastan da poesía.
Debatemos ademais sobre os aspectos autobiográficos presentes no poema, sobre o eu poético e a necesidade de entender as súas palabras dentro da liberdade da creación literaria (como ben nos recordou un das participantes nas palabras de Fernando Pessoa: «O poeta é um fingidor...»), e mais sobre ritmo e cuestións políticas, tan actuais, que percorren o poema. Ao fío da obra de Césaire falamos do movemento literario e político da negritude que el ideou e liderou xunto co senegalés Léopold Sédar Senghor (1906-2001) e o güianés Léon-Gontran Damas (1912-1978), ben coñecidos por algúns dos membros dos grupos e menos por outros. Reflexionamos tamén sobre o colonialismo en xeral, sobre os horrores e consecuencias dun sistema de explotación que nos preguntamos se verdadeiramente forma parte do pasado; falamos de América, de África, das atrocidades de Leopoldo de Bélxica no Congo, da escravitude en EE.UU. e nas colonias españolas de América, da revolución haitiana e de Toussaint Louverture e Jean-Jacques Dessalines, ou das recentes polémicas mediáticas sobrea descolonización dos museos, e evocamos outras lecturas nas que o Caderno nos fixo pensar, como Ébano, de Ryszard Kapuscinski, Poeta en Nueva York, de Federico García Lorca, ou Orientalismo, de Edward W. Said.
En definitiva, en ambos os grupos, a sesión inaugural do quinto bloque estivo chea de animación ante unha lectura que supuxo un reto estimulante para a maioría de nós. Continuaremos falando sobre Maitreyi (La noche bengalí), de Mircea Eliade, os próximos martes 19 (sesión do Grupo 1) e mércores 20 (sesión do Grupo 2). Esperamos que tamén vos estimule esta lectura!
Esta actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.
Libraría NUMAX |