Club de lectura: Maitreyi, de Mircea Eliade
Os pasados 19 e 20 de marzo tiveron lugar as sesións dedicadas á lectura de Maitreyi, de Mircea Eliade, novela que estamos a ler no Club de lectura NUMAX - Irmás Cartoné, na nova edición de Editorial Delirio, en que se presenta nun só volume con Mircea, a resposta literaria de Maitreyi Devi. Esta actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.
Nesta ocasión, curiosamente, houbo bastante unanimidade de opinións entre os dous grupos, aínda que non para beneficio de Eliade. Para a maioría do grupo a historia de amor que relata o autor romanés está tan impregnada de colonialismo e sexismo que nos resultou complicado empatizar cun protagonista que, malia ter probablemente a intención de transmitir todo o contrario e percibirse como un home occidental aberto e integrado na cultura hindú, non deixa de contemplar a cultura que o rodea desde o convencemento da súa superioridade como home branco, no peor dos casos, e desde a romantización e a exotización, no mellor. Obviamente, non esquecemos que se trata dunha novela escrita hai case cen anos e que esa idea da superioridade racial e cultural de occidente non só estaba entón xeneralizada, senón que se consideraba practicamente unha realidade obxectiva. Porén, lidas en 2024, certas descricións e adxectivos produciron en nós un efecto moi distinto do que probablemente producirían nos lectores europeos do seu día. E aínda que houbo quen soubo ser máis indulxente co envellecemento deses factores da obra, en liñas xerais, a case todas as persoas de ambos os grupos nos incomodaron as descricións de Maitreyi como unha especie de ser salvaxe, misterioso e incomprensible até o punto de que as máis de nós lle atopamos máis valor á novela como documento dunha época, como reflexo dese contacto entre o home occidental e unha colonia que comeza xa a moverse cara á emancipación da metrópole que por unha historia de amor que nos custou percibir como tal.
No que si houbo unha unanimidade absoluta en ambos os grupos foi na curiosidade que a lectura da Maitreyi de Mircea nos producía por ler o Mircea de Maitreyi, esa posibilidade de, despois de coñecer a versión da historia que dá un dos protagonistas, termos acceso á versión da outra, resultou particularmente estimulante e todos concordamos en que estabamos desexando ver que tiña que dicir Maitreyi a todo aquilo, non só no relativo á relación amorosa entre ambos, senón tamén no relativo á relación entre as súas culturas. Que opinaría Maitreyi dese home europeo que seu pai instalou na súa casa? Sería para ela tamén un ser exótico, misterioso e incomprensible, ou talvez ela, como habitante da colonia, ve menos exotismo no home branco colonizador?
Esta interacción entre as dúas obras, fixo que alguén evocase no grupo 1 a tetraloxía de Lawrence Durrell The Alexandria Quartet, na que tamén se presentan os mesmos feitos desde o punto de vista de distintos personaxes, aínda que no caso de Durrell, por suposto, esa interacción narrativa foi buscada e planificada, mentres que no de Eliade e Devi foi máis ben accidental.
En definitiva, nesta ocasión, a lectura fíxonos viaxar e debater, reflexionar e mesmo indignarnos e, sobre todo, devecer —para unha vez que temos a oportunidade!— por coñecer o outro lado da historia. Pero iso será materia de conversa para as seguintes sesións, que terán lugar o 24 e o 30 de abril.
Libraría NUMAX |