Club de lectura: Mircea (El amor no muere), de Maitreyi Devi

Os pasados 24 e 30 de abril tiveron lugar, respectivamente, as sesións dos grupos 1 e 2 dedicadas á lectura de Mircea, a resposta literaria de Maitreyi Devi á novela de Mircea Eliade que leramos na sesión anterior. Esta actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.

Como xa intuïamos durante a lectura da primeira novela, a versión de Devi sobre a historia de amor que viviron ambos difire bastante da de Eliade. Pero as diferenzas entre os dous libros non residen unicamente neste aspecto, pois mentres que Eliade nos presentaba unha versión novelada do romance con Devi, e unicamente dese aspecto da súa vida, Devi enfoca a súa versión como un relato verídico de gran parte da súa vida no que entran outros moitos feitos e momentos relevantes, entre eles a propia intra historia de como, unha vez rota a relación, ela vai tendo noticia periodicamente da existencia da novela de Eliade e do seu impacto en Occidente até que por fin, catro décadas despois, le a novela e decide responder.

Porén, a diferenza de Eliade, Devi conta non só aquel remoto romance que mantivo cun europeo aos dezaseis anos, senón que nos fala do seu contexto familiar, social e cultural, e nos relata a súa vida desde entón. Non só desminte boa parte do que Eliade novelou sobre a súa experiencia xuntos (nomeadamente, o relativo aos encontros sexuais), senón que se pregunta por que el sentiu a necesidade de fabular sobre o vivido mantendo o nome dela mais agochando o propio. Para Devi, esa terxiversación da historia resulta ofensiva, e non tanto por defender a honra da adolescente que foi, como porque para ela, que conservou o recordo dese amor como algo prezado, a necesidade de adornalo parece facer de menos o que verdadeiramente sucedeu, e porque intúe, ademais, que esa necesidade vén dada pola moi occidental necesidade de explotar economicamente a historia. No grupo 1, de feito, debatemos se non habería un certo paralelismo entre as distintas actitudes dos dous protagonistas do romance que centra ambos os libros e a propia relación colonial Occidente-Oriente, se ese mozo europeo que pasa unha tempada na India e vive alí un primeiro amor que logo converte nunha novela de grande éxito comercial, a base de ofrecer un retrato exotizante e sensual da súa namorada, non está a facer con ela a o que, en definitiva, fixo Europa co seu país, a súa economía e a súa cultura; e talvez por iso Devi na súa versión se detén máis en falarnos da súa familia, da súa cultura e, sobre todo, da súa vida posterior.

No grupo 2 indagouse máis na razón pola que os pais de Maitreyi acolleron a un occidental como se fose da familia, por exemplo, ou no imposible que era no sistema de castas da India daquela concibir un matrimonio entre unha muller das castas superiores cun europeo, por moito que el se convertese ao hinduísmo (e pasase automaticamente a formar parte da casta dos parias). Chamaron a atención os retratos de angloindios e ingleses alí instalados, dedicados, a ollos da autora, a alcolizarse e ao adulterio nun ambiente en que se vivía a ritmos e con obxectivos diferentes. Ademais intrigounos ese elemento máxico (simbólico?) que aparece para pór fin á narración. Tamén houbo, en ambos os grupos, quen non considerou pertinente o paralelismo Mircea-Maitreyi e Occidente-Oriente, e mesmo quen cuestionaba se realmente a versión de Maitreyi Devi era tan veraz. En calquera caso, si houbo consenso en que ningún dos dous libros nos namorou de xeito independente, e que o interese das obras radicaba máis nese xogo de confrontarmos versións, no diálogo entre un e outro relato, que nos relatos independentes.

Aproveitamos para lembrarvos que os próximos días 21 e 28 terán lugar, ás 20.00 horas, osencontros do grupo 1 e do grupo 2 do club de lectura para compartirmos as nosas opiniónssobre Huaco retrato, de Gabriela Wiener.

Esta actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela. 

Libraría NUMAX |