Club de lectura: Huaco retrato, de Gabriela Wiener
A cuarta sesión do Club de Lectura NUMAX - Irmás Cartoné dedicámola acomentar a lectura de Huaco retrato, a última novela da autora peruana Gabriela Wiener. Insertada no xénero da autoficción, a novela comeza coas indagacións da autora-protagonista sobre as orixes europeas do seu apelido, que se van entrelazando no relato coa morte do seu pai e a súa relación poliamorosa co seu marido e a súa muller. Esta actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.
Achégase xa a quinta e derradeira sesión deste bloque do club de lectura Numax, e é un momento axeitado para lembrarmos o vivido na anterior. Gabriela Wiener aborda en Huaco retrato diversas contradicións da súa identidade: a contradición de ser chola e levar orgullosamente o apelido dun devanceiro recoñecido polas súas exploracións espoliadoras no seu país e as súas ideas racistas; o conflito de construír unha relación poliamorosa en teoría baseada nunha honestidade radical cos seus compañeiros e ter unha aventura inicialmente secreta con outra persoa; a contradición de ter esa relación e sentir logo celos das potenciais aventuras dos seus cónxuxes; o conflito de amar e admirar profundamente a un pai que levouunha dobre vida durante décadas etc.
En xeral, no grupo 1 gozamos coa novela de Wiener, cuxa lectura nos pareceu fluída e agradable, se ben houbo certo consenso en que talvez resultaba un tanto liviá de máis. Algunhas de nós botamos a faltar un pouco máis de profundidade, de desenvolvemento en todas esas contradicións, eses conflitos identitarios e emocionais que, tratados independentemente, poderían dar case para cadanseu libro. Quizais por esa falta de desenvolvemento sobre certos aspectos, houbo quen cuestionou a afirmación da autora de que a súa relación poliamorosa supón un acto de descolonización das relacións afectivas e familiares, que parece quedar simplemente niso, nunha afirmación que non acaba de sustentarse nunha argumentación máis ou menos explícita na obra. Outro aspecto que a algúns membros do grupo 1 nos gustaría ver máis desenvolto foi a historia do devanceiro europeo de Wiener, ou máis ben da investigación de Wiener sobre esas raíces. Con todo, mesmo se ficamos con gana de máis, a maioría de nós concordamos en que este Huaco retrato foi, de momento, a lectura que máis nos enganchou deste bloque.
No grupo 2 o debate gravitou arredor de cuestións semellantes ás anteriores, mais con especial interese nos temas que secuestran a cuestión central do libro, a investigación na figurado suposto tataravó, Charles Wiener. Houbo quen considerou unha traizón á confianza do lector o feito de que a autora a relegase ao segundo plano coa irrupción dunha morea de temas (a visión eurocentrista do mundo que alentou as grandes exploracións do pasado, a necesidade de amosar e denunciar esa parte deshumanizadora da expansión occidental, o racismo no seo das institucións científicas etc.), mentres que a maioría considerou esta infracción dentro do pacto difuso que alenta a autoficción, así como da poética dunha autora que traballa para descolonizalo todo. Sendo unha novela non de todo cómoda, case todas as participantes observaron a súa inestable estrutura, así como certo desequilibrio na atención recibida por eses distintos aspectos. En xeral o que primou foi a intención de denuncia de Huaco retrato sobre os seus incumprimentos estéticos. A quinta e derradeira sesión antes do verán terá lugar o vindeiro martes 18, no caso dogrupo 1, e o martes 25, no caso do grupo 2, e comentaremos La más recóndita memoria de los hombres, de Mohamed Mbougar Sarr.
Esta actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.
Libraría NUMAX |