Club de lectura: La más recóndita memoria de los hombres, de Mohamed Mbougar Sarr

A finais de xuño tiveron lugar as derradeiras sesións deste quinto bloque do club de lectura, que dedicamos a comentar La más recóndita memoria de los hombres, a novela coa que o escritor senegalés Mohamed Mbougar Sarr (1990) obtivo o prestixioso premio Goncourt en 2024. Esta actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela

Inspirándose na historia real do escritor maliense Yambo Ouologuem (1940-2017), a quen lle dedica o libro, Mbougar Sarr constrúe unha complexa narración na que a busca dun autor maldito e da ansiada continuación da súa obra serve como catalizador e metáfora doutras buscas: a persoal do narrador-protagonista, un prometedor autor africano afincado en Francia á procura da súa voz como escritor da colonia na metrópole, pero tamén a dos outros escritores de orixe africana con quen se relaciona e en quen a obra do autor maldito influíu e, sobre todo, a busca do seu lugar no mundo das poboacións colonizadas.

Nesta ocasión, aínda que en ambos os grupos houbo quen non acabou de conectar coa lectura, houbo tamén nos dous grupos verdadeiro entusiasmo coa obra de Mbougar Sarr. En xeral, concordamos en que se trata dunha lectura de certa dificultade debido á súa estrutura, repleta de saltos temporais e alternancia de voces narrativas, pero ás máis de nós agradounos esa complexidade, así como o estilo de Mbougar Sarr e as fondas reflexións que se van introducindo na narración sobre literatura e identidade. Houbo tamén certo debate sobre os temas que toca a novela, pois no grupo 2 había quen consideraba que se debía facer unha lectura totalmente despolitizada da obra e entendía que o tema principal da narración era o da busca da voz literaria do protagonista, sen que a súa raza ou orixe fosen un factor importante. Non obstante, a maioría de nós consideramos que precisamente a busca desa voz narrativa do protagonista está condicionada de todo por esa vertente política, que ademais inflúe notablemente na relación do personaxe co canon, e que a cuestión colonial é, pola contra, o elemento central de toda a novela.

En calquera caso, unha vez máis, a lectura compartida serviu para estimular un enriquecedor debate sobre os temas da novela e sobre moitos outros que foron vindo ao fío desta, e estamos pensando xa en embarcarnos en novas aventuras lectoras!

Esta actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.

Libraría NUMAX |