Club de lectura: Oso, de Marian Engel
Nas primeiras sesións deste sexto bloque do club de lectura Irmás Cartoné - NUMAX, no mes de setembro, dedicámonos a comentar Oso de Marian Engel, obra considerada un clásico da literatura canadense malia ter a fama de ser a novela máis controvertida de todas as escritas en Canadá. Quinta narración da autora e publicada en 1976, ese mesmo ano recibiu o Governor General's Literary Award, un dos máis prestixiosos do país. Todo isto a pesar de evidentes aspectos escabrosos que a algunha das participantes do club lle amargaron a lectura. Esta actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.
No grupo 2 houbo acordo case xeral sobre a calidade estilística da autora. As detalladas descricións dos espazos naturais, poboados polas flora e fauna da zona subártica do país norteamericano, así como o contraste entre a apagada vida en Toronto de Lou, a protagonista, e o florecemento que se produce nela coa mudanza temporal á Illa de Cary deixáronnos a moitas de nós con fame de ler máis páxinas dedicadas á traxectoria previa ou posterior do personaxe. Foi común a opinión de que o maior problema da novela era a estratexia comercial de vendela máis pola relación co oso que pola historia central, a dunha muller que descende até a animalidade para recuperar a ansia de vivir narrada con mestría.
En canto ao tema do oso, falouse da fera en diferentes vertentes, desde o punto de vista mitolóxico, coa historia do pobo haida, en que unha muller ten que casar co príncipe do pobo oso, até outros puntos de vista sobre o plantígrado, como o da antropóloga Nastassja Martin en Creer en las fieras, ou a do documental Grizzly Man, de Werner Herzog, ambas tratan a imposibilidade de saír incólume do contacto extremo coa natureza salvaxe.
No grupo 1 a novela gustou bastante en xeral. Como no grupo 2, tamén gustamos do estilo da autora, da súa capacidade para transmitir o impacto sensorial da paisaxe na protagonista e até houbo, de feito, quen comentou que era unha novela que case se podía ulir. A maioría de nós concordamos en que se trataba dunha historia de liberación feminina, en que a protagonista se vai atopando consigo mesma conforme se vai achegando á natureza que a rodea e ao oso, mais houbo quen cuestionou se non había nesa relación de Lou co oso unha certa transmisión da opresión da muller ao animal. Para algunha das lectoras do grupo 1, na relación con Lou o oso acaba tendo o papel que Lou, como muller, tiña nas súas relacións cos homes e mesmo xurdiron preguntas sobre a posibilidade ou non da existencia dun consentimento por parte do oso (no grupo 2 tamén se falou de algo así, agora que o dis). Neste punto houbo bastante debate, por suposto, e unha vez máis, a lectura compartida ampliou as nosas visións individuais sobre a novela e sobre o noso propio xeito de ler, e permitiunos debater sobre aqueles puntos menos evidentes, ao tempo que afianzamos as nosas opinións particulares sobre Oso.
As próximas sesións, nas que falaremos sobre George. Mi amistad con una urraca, de Frieda Hughes (Errata Naturae & Periférica), serán os días 22 de outubro, para o grupo 1, e 29 de outubro, para o grupo 2, como sempre ás 20.00 en NUMAX.
Esta actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.
Libraría NUMAX |