Club de lectura: George, de Frieda Hughes

No pasado mes de outubro, dedicamos as segundas sesións de «Humanos e outras bestas», sexto bloque do club de lectura, a comentar George, de Frieda Hughes, obra en que a autora relata, en forma de diario, a crianza dunha pega sobre o pano de fondo dunha crise vitale de parella.

As peripecias de George, que así se chama o córvido, resultaron en xeral simpáticas para case todas, se ben, en ambos grupos, houbo certa discusión sobre se o tema central do libro era unicamente ese proceso de rescate e crianza da pega ou se no fondo se nos estaban a contar outros procesos importantes na vida da autora. Para algunhas lectoras do grupo 1, o centro era efectivamente esa relación coa pega, en que vían un evidente paralelismo cunha relación de crianza dun fillo; outras, porén, leron o diario prestando máis atención a outros elementos que quizais ocupaban menos liñas no diario pero parecían reveladores: a práctica ausencia de alusións positivas, ou mesmo neutras, á relación co marido, a quen só se menciona nos momentos de conflito, que van aumentando conforme avanza o diario até acabar nun divorcio difícil; as mencións como de pasada ao paulatino deterioro das relacións de amizade de Frieda... Tamén nos preguntamos no grupo 1 até que punto o diario podía considerarse auténtico ou non, pois a mesma autora indica nunha nota ao comezo do libro que volveu sobre o diario para engadir datos. Porén, o feito de que non se indique no propio diario que partes foron engadidas a posteriori e que partes estiveron aí desde sempre levounos a preguntarnos se habería tamén supresións.

No grupo 2 a opinión, sen ser unánime, foi bastante similar. Sen tratarse dunha obra apaixonante —desde logo, non foi tan potente como Oso, a lectura anterior—, con todo espertou certo interese ver a evolución da protagonista nunha situación desagradable, cunha casa a medio facer, un ex pouco cooperativo e posibilidades de traballo en risco. Houbo quen viu nese proceso de tornarse silvestre semellanzas co da protagonista da novela de Marian Engel, con esa culminación da muller libre e independente coa súa motocicleta. Pero tamén houbo quen non lle atopou sentido ao libro nin desfrutou da lectura. Respecto aos poemas que aparecen espallados por George, opinamos todas igual: son moi frouxos, e nin sequera valeu esa manía tan fea de botarlle a culpa á tradución, pois quen leu o orixinal pensaba igual.

Os días 19 de novembro, para o grupo 1, e 26 de novembro, para o grupo 2, serán as derradeiras sesións dedicadas a este bloque sobre humanos e outras bestas, e aproveitaremos para comentar O Axolote e outros contos de bestas e auga, de Lara Dopazo (quen, por certo, presentará o seu novo libro Contos gringos en NUMAX o xoves 21 ás 19.00. Non o perdades!). Esperamos que vos estea prestando a lectura!

Libraría NUMAX |