Ana Varela Miño relata en Runrún (Galaxia) a historia de dúas irmás que teñen que volver reconstruír as súas vidas tras a prematura morte dos seus pais: Aldara sofre un episodio psicótico, e a súa irmá, Uxía, faise cargo da situación. Esta historia é unha xanela para asomarnos ao día a día de Uxía. Apenas unhas horas que nos deixan ver os seus afectos, os escollidos e os que veñen dados, que por veces se volven caníbales, das circunstancias e dos prexuízos que nos atrapan, e de como todo pode virar dun momento a outro.

"Uxía recorda con claridade a tarde, a conversa. O momento antes a que todo cambiase, naquela mesa de comedor co queique de ovos da casa aínda morno, ulía a limón e a queimado.

Volveu cedo da biblioteca da facultade. O pai dixéralle que ían ir os padriños tomar café e que quería falar con eles. Baixou do bus unhas paradas antes para poder andar un pouco e respirar. O mesmo percorrido que facía de nena cando volvía da escola.

Atravesou algunha das rúas grandes que cuadriculaban o barrio e atallou por outras máis estreitas que quedaban ocultas entre os edificios de formigón, altos e de cores que aínda hoxe lles dan nome aos rueiros: as rosas, as grises, as verdes...

Vivían nun barrio obreiro da cidade un pouco afastado do centro, deses que durante os peores anos da heroína gañara a pulso a mala fama. De pequena non a deixaban ir soa por aquelas calellas, e o subterráneo que atravesaba a avenida das Pías estaba prohibidísimo. Agora é un barrio tranquilo, só quedan vellos ou parellas novas. Desapareceu unha xeración case completa.

Brutalismo, dicía seu pai, estas torres son típicas do brutalismo, como se encadralas nun estilo arquitectónico con nome lle devolvese certa dignidade ao barrio con peor fama da cidade. E en certa forma así era. Insistía en que darlles nome ás cousas nos fai máis conscientes da nosa realidade e conéctaa co mundo. A ela sempre lle pareceu un deseño feito por un neno. Se lle pedises a un neno que debuxe unha cidade, que debuxaría? Seguro que edificios de cores como os que ten diante".

Libraría NUMAX |