Insaciable

Insaciable (Temporal) é a primeira novela de Małgorzata Lebda. Está ambientado nunha aldea de Polonia no que dúas amigas coidan dunha avoa enferma. O libro contén todo o amor que cabe nunha casa, todo o salvaxe que a rodea e todo o inhumano que acontece nun matadoiro industrial. 

Estamos aínda procesando a lectura de Insaciable, un libro da Małgorzata Lebda publicado por Temporal, que nos deixou co corazón en anacos. É o primeiro que lemos desta escritora, científica, fotógrafa e corredora de ultramaratóns polaca, e estamos desexando que traduzan tamén a súa obra poética.

Insaciable é o seu primeiro libro de narrativa. Comeza con dúas mulleres chegando a unha aldea de Polonia para coidar á avoa dunha delas durante a parte final da súa enfermidade. Parece triste e confírmase que é triste. Pero tamén cheo de luz, de amor á vida, á natureza e ao salvaxe.

La abuela, en su enfermedad, tiene antojos.
Más mundo, dice.
Así que le leo poemas y últimamente también libros sobre pájaros. Le gusta una cosa y la otra. Tiene hambre de eso. Exige poesía. Exige información sobre los pájaros, pide: Imita a ese pájaro sobre el que lees.
La diferencia entre la poesía y la descripción de los pajaros no es muy grande, dice una noche.

A avoa é unha persoa máxica que está adicta ao mundo, a observar o natural, os animais e o diminuto. É divertida, lúcida e chea de enxeño, aínda coa enfermidade apoderándose do seu corpo. A neta e a amiga cóidana con devoción e cariño, o mesmo que cultivan entre elas. Pode que unha das cousas máis fermosas do libro é a intimidade e beleza coa que relata esta amizade. Tamén o avó mostra amor, pero non é capaz de enfrontarse directamente á enfermidade da súa muller. O seu xeito de amar é matar pombas e facerlle caldo, é levantar a casa para instalar calefacción é que ela poida andar descalza. É un libro que arrecende, que se toca e que se sente.

Na aldea están os raposos, os estorniños, os cervos, os cans, o monte, o río. Tamén está o matadoiro que emite ruídos infernais, sangue, cabezas de animais, cheiro a morte. O matadoiro que produce sen descanso para alimentar o insaciable ser humano. A vida e a morte tócanse ao longo de todas as páxinas do libro. Malgoratza Lebda escribiu unha novela coa que chorar e morrer de amor.

Libraría NUMAX |