Club de lectura: O axolote e outros contos, de Lara Dopazo

A finais de novembro celebramos as dúas últimas sesións desta sexta edición do club coa lectura de O axolote e outros contos de bestas e auga, de Lara Dopazo, volume de relatos co que a autora gañou o Premio Illa Nova de Narrativa en 2020. Os contos de Dopazo, nos que se mestura o real e o fantástico gustaron, en xeral, bastante en ambos grupos, aínda que con matices no grupo 1, pois se ben todas as participantes concordamos na admiración polo estilo e o dominio da lingua de Dopazo, os relatos non xeraron o mesmo entusiasmo en todas nós. E é que a compoñente fantástica do libro non é do gusto de todas as compañeiras lectoras. Con todo, a destreza estilística de Dopazo conseguiu que mesmo para as lectoras menos interesadas nesa introdución do irreal e o inquietante na narración a lectura resultase pracenteira.

No grupo 2 a reacción foi favorable en xeral, e os contos de Dopazo lembráronnos outros tradicionais, ao tempo que comentamos aspectos moi actuais e potentes. A maiores de cuestións estilísticas e temáticas, debatemos sobre se é necesario interpretar os contos para entendelos e as súas posibles interpretacións psicanalíticas (mencionouse o xa clásico Psicoanálisis de los cuentos de hadas, de Bruno Bettelheim), antropolóxicas (a de Xosé Ramón Mariño Ferro) ou arquetípicas (como a de Clarissa Pinkola Estes ou as de Robert A. Johnson). Non chegamos a un acordo, que é unha das cousas fermosas dos clubs de lectura: a opinión individual enriquece o encontro, pero non se impón unha opinión colectiva e ninguén ten que cambiar a súa.

Entre os relatos que máis debate e interese provocaron nestas dúas sesións está sen dúbida «A illa das mulleres», un relato que, como indica o seu título, nos fala dunha illa poboada unicamente por mulleres e nenas de onde os homes foron expulsados, bastante ao xeito da novela Herland, de Charlotte Perkins Gilman. A atmosfera de misterio arredor desa ausencia dos homes, cuxa causa non queda esclarecida na narración, cativou a moitas das integrantes de ambos grupos, que especulamos sobre ela: que motivou a eliminación dos homes? Tratábase dun único suceso acaecido nun pasado máis ou menos remoto ou dunha especie de acontecemento periódico? Cal sería o detonante desa eliminación? Quedaba un único home na caverna, para inseminar as mulleres, ou atoparan elas un método alternativo?

Outro relato que en xeral gustou foi «A sombra do chinés obeso», malia que non aparecen nel bestas nin auga, igual que no relato que pecha o volume «Koro e Lot», que narra a relación entre dúas mulleres nunha atmosfera de ecos mitolóxicos.

Pechamos este bloque con varias impresións compartidas: que das tres obras lidas, foi Oso a que máis nos conmoveu; que tres sesións por bloque resultan escasas, e que hai xente que quere repetir. Esperamos vervos pronto!

Libraría NUMAX |