Os antropólogos
Asya e Manu viven xuntos nunha gran cidade dun país que non é o seu. A súa vida é sinxela e alegre. Ela recibiu unha bolsa para rodar un documental e el traballa nunha organización internacional sen ánimo de lucro. Un día a Asya éntralle un medo repentino. E se chegou a hora de asentaren dunha vez as súas vidas? Os antropólogos de Aysegül Savas (Rodolfo e Priscila) é unha novela sobre a pasaxe á vida adulta; sobre o amor, a amizade e a familia; sobre a identidade persoal e colectiva, sobre o cosmopolitismo e o desarraigo; sobre a felicidade real e a felicidade finxida, sobre a presión de ter que decidir e non poder abranguelo todo… Unha novela sobre a vida moderna a través da ollada curiosa e exhaustiva dunha parella de “antropólogos urbanos” que observa o mundo cun humor lúcido, tenro e intelixente.
Traballo de campo
Cada canto vén ao parque?
Ten algún recanto favorito?
Que cousas fai aquí?
Que cousas non fai aquí?
Ten rituais asociados ao parque?
Ten recordos asociados ao parque?
Recoñece alguén entre os que veñen habitualmente ao parque?
Vén aquí para estar só ou para non sertirse só?
Sociedade e natureza
Saín do apartamento pouco despois de que amencese, e cheguei cando a néboa aínda non se levantara do chan. Nunca estivera no parque tan cedo. As cores do final de outubro resplandecían na luz límpida do día. Os cantos dos paxaros resoaban nas copas das árbores, os parrulos deslizábanse pola superficie do lago. Os runners, cos membros fríos e tonificados, semellaban completamente concentrados no seu exercicio. De maneira que aquilo era o que acontecía cada mañá mentres eu tomaba un café na casa. Todo o mundo no parque a aquela hora, tanto as persoas como os animais, parecían formar parte de algo, dunha tribo, dunha reunión clandestina... Puxen a cámara no trípode e filmei a herba cuberta polo resío, o silencio interrompido polos grallos e as pisadas. Ao lonxe oíase o rumor da cidade.
Esa noite, na cea, díxenlle a Manu que deberíamos de coller o costume de irmos ao parque todas as mañás.
Libraría NUMAX |