Os libros de Xisela Franco
Propoño unha escolma de ensaios filosóficos (tamén poéticos), porque nalgún momento da miña introspección vital me marcaron e tamén porque penso que nestes tempos de confusión, excesos de palabras baleiras (diría Baumman “tempos líquidos”), quizáis o que necesitamos é acudir como bálsamo aos sólidos para protexernos dos disparates do presente, incluida unha posible distopía post- covid. Ao tempo, tamén lembro algúns textos sobre o cinema documental ou do real que se sitúan como referencias recorrentes da miña biblioteca.
1. Las pasiones del alma, Rene Descartes (Publicación en 1649).
Un delicioso tratado que escribe Descartes á princesa Isabel de Bohemia en forma de 200 puntos ou meditacións sobre a inevitable relación do corpo e a alma.
2. De lo espiritual en el arte, Kandisnki, 1912.
Un texto de principios do S.XX a favor da arte abstracta e da súa capacidade para asir o espiritual das cousas. Unha defensa da abstracción que se relaciona con outro escrito importante do autor (Punto y linea sobre el plano) e contextualiza a obra pictórica de Kandisnki nese momento da historia da pintura. É aí onde atopamos a descripción do coñecido “triángulo de Kandisnki: “o que hoxe é comprensible para o vértice máis alto e resulta un disparate incomprensible ao resto do triángulo, mañá será contido razoable e sentido da vida da segunda sección. Ás veces, no extremo do vértice máis alto áchase un home só. A súa contemplación gozosa é igual á súa inconmensurable tristeza interior. Os que están máis próximos a el non lle comprenden; indignados chámanlle farsante ou tolo.”
3. Ser y tiempo, Heidegger, 1927.
A tradución e José Gaos. Quizais o libro de filosofía que máis me marcou ainda que complexo para nel penetrar. Dise que Heidegger é o pensador máis importante do século XX e a súa proposta hermenéutica a última filosofía compacta e sistemática. Accedín a Ser y Tiempo grazas a outros libros de autores ponte (como Vattimo) que che facilitan a comprensión do universo e a linguaxe de Heidegger e contei co privilexio de ter como guía ao profesor e ensaísta Jesús de Garay que impartía Ontoloxía n miña facultade e propuxo adicar un cuatrimestre enteiro a este pensador.
4. El hombre y lo divino, María Zambrano, 1973.
Un dos libros e das autoras que máis me marcaron, Zambrano é unha fonte á que sigo acudindo a beber con fidelidade. Fixen ademáis un documental sobre mulleres da II República e incluín a Zambrano. Probablemente é a autora cuxa obra mellor coñezo e supuxo un punto de inflexión no meu pensar. Este libro creo que é quizáis o mellor para achegarse primeramente ao pensamento de Zambrano e nel fainos unha viaxe pola relación entre o ser humano co divino desde Grecia. Unha brillante reflexión entre a filosofía da cultura, a estética, a metafísica, e a relixión, e como non, a poesía que debe recuperar (“como unha luz de aceite”) toda filosofía.
5. El secreto de la Flor de Oro (primeira publicación en 1929).
Unha obra taoista chinesa traducida por Richard Whilmen (autor da mellor tradución ao inglés do I Ching) e con comentarios interpretativos de Carl Gustav Jung. A procura do “se mesmo” lévanos a vivir a vida/psique na súa dimensión alquímica. Aparecen conceptos junguianos esenciais como “sincronicidade”.
6. La estructura de las revoluciones científicas, Thomas Kuhn (primeira publicación en 1962).
Un libro seminal para a filosofía da ciencia que expuxo conceptos hoxe moi coñecidos a nivel xeral como “revolución científica” ou “cambio de paradigma”, e que realiza un repaso pola historia da ciencia tratando a evolución de distintas concepcións do mundo que describiron autores como Ptolomeo, Copérnico, Galileo, Newton, Einstein. Interesantísimo libro que che cambia a concepción de como se escribiu e conformou a historia do pensamento.
7. El éxtasis de la comunicación, Baudrillard, 1988.
Unha descrición das sociedades postindustriais que habitan nun inauténtico simulacro do real construído polos medios de información. O “simulacro” constrúe o feito, e a verdade da información queda diluída no exceso da éxtase comunicativa. Se non encontrades ese (que eu lin en inglés: The ecstasy of comunnication. Ed: Semiotext(e), valeríame Cultura e Simulacro -1987- (Simulacra e Simulacrum, Ed: Universtity of Michigan Press)
8. Introducción aos clásicos do Cinema experimental (45-90), Alberte Pagán, 1999. Un libro de referencia, en galego, anterior a calquera publicación en castelán nese campo, dese cinema experimental que ainda inspira parte do noso cinema galego contemporáneo.
9. On experimental ethnografphy. The work of filmin the age of video, Catherine Russel, 1999. Un libro aínda non traducido ao castelán no que esta académica canadense acuña o termo “etnografía experimental” e cuestiona o límite da etnografía como ciencia obxectiva, onde prácticas artísticas como o “documental experimental etnográfico” poidan formar parte das metodoloxías de estudo que repense as representacións culturais para unha nova antropoloxía da subxectividade.
10. El mito de Ícaro. TRATADO DE LA DESESPERANZA Y DE LA FELICIDAD, Comte-Spontville, 2001. Este filósofo francés contemporáneo apela a unha “esperanza desesperanzada” (na liña de Baudrillard que recomendei tamén). Levoume a outros libros do autor como La felicidad, desesperadamente ou Pequeño tratado de las grandes virtudes.
Collo un parágrafo da introdución: “Comezar pola angustia, comezar pola desesperanza: ir da unha á outra. Descender. E ao final de todo, o silencio. A tranquilidade do silencio. A noite ao caer tranquiliza os espantos do crepúsculo. Máis pantasmas: o baleiro. Máis angustia: o silencio. Máis turbación: o descanso. Nada que temer; nada que esperar. Desesperanza.”
11. Claves Ecofeministas, Alicia H Puleo. A profesora de Filosofía da Moral e Política expón neste e noutros dos seus escritos un horizonte de esperanza só posible desde unha visión feminista, onde a loita pola igualdade das mulleres, a ecoloxía e a eliminación do sufrimento animal liberen ao ser humano da súa actual condición depredadora. Aborda a problemática ecolóxica nesa necesaria clave de xénero. Un pensamento optimista e necesario para os tempos que corren.
12. Mujeres en el cine experimental. Marco Crítico (primeira edición en inglés, 2007). Un libro esencial para os amantes do cinema artístico e experimental, recentemente editado e traducido ao castelán por 8mm. Un cinema marxinal, onde as mulleres sempre destacaron, e con todo, aínda hoxe é preciso historizalas para darlles o lugar que merecen. Este libro é unha mostra desta necesidade.
13. Feminism and documentary, Diana Waldman and Janet Walker, 1999. Outro libro esencial, colección de ensaios de recoñecidos académicos, non traducido ao castelán, iluminador para o estudo do documental abordado desde a teoría feminista.
14. The malaise of modernity, Charles Taylor.
Filósofo canadense de referencia mundial que realiza un demoledor diagnóstico da modernidade para propoñer a súa propia teoría da autenticidade. Analiza conceptos como identidade, progreso, comunitarismo, para unha filosofía da acción política. Este autor é de certo un dos máis lexitimados expertos no tema do multiculturalismo e a súa relación coa política e o secularismo, temas moi actuais e vitais neste presente-futuro.
15. Del cine ojo al dogma 95, Margarita Ledo, 2003.
Un estudo pioneiro no estado español sobre o cinema do real. Un libro moi necesario no momento da súa publicación, penso que non suficientemente recoñecido (pola súa novedosa aproximación), dunha autora significativa, Margarita Ledo, que ademais de teórica é cineasta, poeta e activista feminista. Unha das figuras máis completas e comprometidas da cultura galega. Outro dos seus libros nesta liña é Cine de fotógrafos. O seu último libro, El cuerpo y la cámara, é unha reflexión sobre a mirada feminina como mirada artística á vez que política.
«Discursos en acción», actividade subvencionada pola Deputación da Coruña.
Libraría NUMAX |