Club de lectura: Tiempos de swing, de Zadie Smith

Dedicamos a segunda sesión desta nova temporada do club de lectura NUMAX á novela Tiempos de swing, de Zadie Smith, e esta vez a opinión foi unánime entre os dous grupos, que se reuniron os martes 18 e o 24 de abril na Libraría. Unha actividade que conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.

Narrada pola súa protagonista, a novela trata varios episodios da súa amizade con Tracey, personaxe dominante co que ten varias cousas en común: ambas son fillas dun matrimonio mixto, viven nun barrio de clase traballadora e aman o baile e a música. O personaxe protagonista, en concreto, cuxo nome nunca chegamos a saber, espertou a maior cantidade de críticas por esa forma pasiva e fría de «vivir sen compromiso», deixando pasar as oportunidades sen aproveitalas, sen actuar. Esa imposibilidade de xerarnos empatía facía ao mesmo tempo que prestásemos máis atención a toda unha serie de personaxes secundarios que, segundo a impresión común, foron desaproveitados pola autora, como a nai da protagonista, muller de ascendencia xamaicana que se esforza e ten unha evolución espectacular na novela; a propia Tracey, comprometida a fondo coa súa paixón polo baile, dentro das súas posibilidades, claro, ou Hawa, o personaxe feminino máis destacado do poboado africano que a protagonista visita en varias ocasións, que ten unha evolución verosímil co mundo no que ten que vivir.

A trama avanza a saltos en polo menos tres tempos e ambientacións diferentes: as décadas que van de 1980 a 2010 entre o Reino Unido, Gambia e mais Nova York. Foron precisamente eses saltos espazo-temporais, para algunhas das participantes, un dos puntos débiles máis grandes e que primeiro se comentaron, pois dificultaban a lectura sen moito sentido; para outras, o maior defecto da historia foi o desequilibrio entre as diferentes partes —un pouco como se a autora tratase de mesturar dúas novelas completas nunha soa—, que deixan sen tratar infinidade de cuestións clave (o racismo nun Londres inmerso plenamente nas políticas privatizadoras de Margaret Thatcher; a vida nos barrios obreiros na época; as modas musicais e os seus cambios nesas décadas; a importancia de crear e manter unha identidade propia para grupos considerados subalternos, o complexo de white saviour e o papel que tivo a industria musical pop na súa implantación…).

Porque moitos aspectos interesantes afloraban ao longo da lectura, relacionados con cuestións de raza, de clase, de xénero («Todos os personaxes masculinos parecen tardos», reflexionou alguén), de colonización etc., e todos eles podían ter un tratamento máis profundo. Así, á obsesión estéril da protagonista con Tracey poderíanse contrapoñer a fatalidade da vida da súa amiga, o esforzo de súa nai por desclasarse, a emigración como sangría de posibilidades de mellora en África, o nacemento e expansión do fundamentalismo etc.

Pareceunos que o Londres da época está mellor retratado en El buda de los suburbios, de Hanif Kureishi; a amizade entre rapazas, en Panza de burro, de Andrea Abreu, e a reacción fronte á morte da nai, en O verán que miña nai tivo os ollos verdes, de Tatiana Țîbuleac, que lemos na temporada anterior deste club. En canto á comparación entre estilos, expresouse preferencia polo da autora da primeira sesión, Carmen Martín Gaite, así como polo de Berta Dávila en Os seres queridos. Como ben se comentou nunha das sesións, «ten que haber personaxes mediocres, pero necesitamos protagonistas que evolucionen».

En definitiva, a opinión sobre a novela de Smith foi bastante demoledora. Na seguinte sesión falaremos de Xente normal, da irlandesa Sally Rooney, que esperamos nos supoña a todas unha lectura máis grata. Xa veremos!

Unha actividade que conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela.

Irmás Cartoné |